Lugo renderá homenaxe a Tomás Notario Vacas cunha placa conmemorativa na Ponte Nova

LugoXa
O Concello recoñecerá a traxectoria do enxeñeiro lucense, autor dunha das infraestruturas clave para a mobilidade da cidade
Ponte-As-Samasas-Lugo
22 Jun 2026

O Concello de Lugo celebrará este luns 22 de xuño ás 12.00 horas un acto institucional de homenaxe ao enxeñeiro lucense Tomás Notario Vacas mediante o descubrimento dunha placa conmemorativa. O recoñecemento terá lugar na coñecida como Ponte Nova ou ponte das Saamasas, unha infraestrutura considerada unha das máis relevantes para a mobilidade urbana da cidade e da que foi autor o propio enxeñeiro.

No acto participarán a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; o propio Tomás Notario Vacas; representantes do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia; a concelleira María Reigosa, que tamén exerce como vogal por Lugo dentro do Colexio de Enxeñeiros, ademais de integrantes da Corporación municipal.

A colocación desta placa dá continuidade á iniciativa promovida polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia para destacar a figura de Tomás Notario Vacas e a súa achega ao desenvolvemento da cidade de Lugo.

Esta homenaxe supón a materialización dunha das medidas de recoñecemento aprobadas pola Corporación municipal despois de que o Ministerio de Transportes rexeitase autorizar que a ponte levase oficialmente o nome do enxeñeiro lucense.

Con este acto institucional, o Concello súmase tamén á petición formulada polo Colexio de Enxeñeiros para poñer en valor a traxectoria dun profesional estreitamente ligado á cidade, responsable do proxecto dunha infraestrutura estratéxica para Lugo e cun amplo percorrido de servizo público.

Ademais da súa actividade profesional no ámbito da enxeñaría, Tomás Notario Vacas desempeñou o cargo de alcalde de Lugo en dúas etapas e foi impulsor da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, unha entidade dedicada á promoción de bolsas de estudo especialmente vinculadas ao sector primario.

0.091640949249268