Lugo renova case cen luminarias na avenida Infanta Elena para mellorar a eficiencia e a seguridade

LugoXa
O Concello continúa o plan de modernización do alumeado cunha intervención que reducirá consumo e zonas escuras
mellora-da-iluminación-Infanta-Elena-Lugo
4 Apr 2026

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, deu a coñecer unha nova actuación incluída no plan municipal de renovación da rede de alumeado público, que suporá a substitución de preto dun cento de luminarias na avenida Infanta Elena. Segundo explicou, o Goberno local continúa a traballar en distintos puntos da cidade co obxectivo de garantir un sistema de iluminación máis eficiente, diminuíndo o consumo eléctrico e eliminando áreas con pouca visibilidade, ao tempo que se reforza a seguridade e o benestar da veciñanza.

Arroxo detallou que esta intervención permitirá dar continuidade ás actuacións xa executadas no tramo da vía máis próximo ao Ceao, avanzando agora cara á zona sur da mesma avenida, dentro dunha planificación progresiva de mellora do alumeado urbano.

Os traballos consistirán na substitución das actuais luminarias de vapor de sodio, cun consumo unitario de 250W, por novos sistemas LED de 115W, ademais da renovación das caixas de conexión e dos condutores de alimentación. Esta actuación permitirá un aforro estimado de 67.845 kWh no consumo eléctrico municipal e contribuirá a homoxeneizar a contorna, unificando a temperatura de cor e mellorando a uniformidade da iluminación, o que permitirá eliminar zonas escuras e reducir o risco de avarías.

Así mesmo, o tenente alcalde subliñou que estas melloras tamén favorecen a redución do gasto público e dos residuos xerados, ao permitir a reutilización de parte das luminarias existentes e adaptar a rede ás novas tecnoloxías. Arroxo lembrou que desde a chegada ao Goberno local se mantén unha aposta constante por dotar a cidade dun alumeado moderno e eficiente, que contribúa a mellorar a calidade de vida da cidadanía.

0.12116694450378