Lugo renova o firme na avenida das Fontiñas para mellorar a seguridade viaria

LugoXa
A actuación céntrase nun dos tramos con máis tráfico e inclúe a reposición da sinalización horizontal
renovación-firme-Fontiñas-Lugo
31 Oct 2025

O Concello de Lugo vén de completar os traballos de renovación do firme na avenida das Fontiñas, nun treito comprendido entre os números 254 e 310 en dirección á avenida de Madrid. A intervención, executada polo Goberno municipal, centrouse na zona que presentaba maior desgaste debido ao elevado tránsito que soporta diariamente esta vía, unha das máis concorridas da cidade.

O tenente alcalde, Rubén Arroxo, supervisou o remate das obras e destacou que o obxectivo principal desta actuación é “mellorar o estado dun dos tramos con maior intensidade de circulación”, ao tempo que se garante “unha mobilidade máis segura e cómoda tanto para quen conduce como para as persoas peóns”.

Os traballos consistiron na aplicación dunha nova capa de rodadura con mestura asfáltica en quente, que reforza o selado do pavimento fronte á acción da auga e mellora a durabilidade do viario. Ademais, nos vindeiros días completarase o proceso coa renovación da sinalización horizontal.

Arroxo subliñou que desde a Tenencia de Alcaldía se continúa a traballar para avanzar na mellora dos espazos públicos, priorizando as necesidades detectadas nas visitas aos barrios e nas achegas da veciñanza. “Estamos a desenvolver proxectos sostibles, con materiais de calidade e criterios técnicos rigorosos, co fin de garantir que estas melloras perduren no tempo”, afirmou. O tenente alcalde insistiu tamén en que o modelo de cidade polo que aposta o executivo local busca que “os espazos públicos sexan seguros, funcionais e pensados para as lucenses e lucenses”.

⚙ Configurar cookies
0.079837083816528