Lugo renuncia este verán á apertura da zona de baño no Miño e sinala como responsable á Xunta

LugoXa
O alcalde acusa á administración autonómica de obstaculizar deliberadamente o acceso a unha zona segura e denuncia unha discriminación inxusta á cidade
inauguración-rampla-miño
21 Jul 2025

O Concello de Lugo anunciou que se ve na obriga de renunciar, un verán máis, á apertura da zona de baño no río Miño, malia ter a infraestrutura lista e o persoal de socorrismo contratado.

O motivo, segundo denunciou o alcalde, Miguel Fernández, son as múltiples trabas administrativas impostas pola Xunta de Galicia, que impiden a súa apertura ata, polo menos, o mes de setembro.

O rexedor cualificou a situación de “inadmisible” e asegurou que o Goberno galego está a aplicar unha “manobra de dilación clara” para que Lugo non poida ofrecer á veciñanza un espazo seguro para o baño, como si dispoñen outras cidades galegas.

“Presentamos toda a documentación en tempo e forma, temos os informes que nos indicaron, a zona está acondicionada e mesmo contratamos os socorristas. Con todo, a Xunta bloquea o acceso con novos informes e esixencias que poderían ter sido tramitadas antes”, denunciou Fernández.

O alcalde insistiu en que non se trata dun problema puntual ou técnico, senón dunha decisión política que considera discriminatoria: “Todas as cidades teñen acceso ao río dunha maneira cómoda e segura, menos Lugo. Aquí temos a zona acondicionada, pero sen a rampla de acceso ao Miño porque a Xunta o impide. É absolutamente inxusto e a cidadanía debe sabelo”, proclamou.

Para o Goberno local, esta situación supón un novo revés á hora de ofrecer unha alternativa de lecer segura, accesible e sostible na contorna natural do Miño, un espazo que consideran privilexiado. “Non queremos enganar a ninguén. Fixemos todo o que estaba nas nosas mans, pero a Xunta volve privar a Lugo dun dereito que si teñen outras vilas e cidades”, concluíu o alcalde cunha mensaxe directa á cidadanía.

RESPOSTA DESDE A XUNTA DE GALICIA

Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, culpa ao “deixamento e á xestión ineficaz” do Concello de Lugo da decisión de non instalar este verán a rampla de acceso á zona de baño no río Miño.

Arias considera que o anuncio feito polo alcalde busca “agochar a falta de traballo e previsión do goberno local, botando balóns fóra e culpando á Xunta da súa propia inutilidade”. E engade que “non deixa de sorprender que, nun procedemento que é todos os anos o mesmo, non fagan nada ata unhas semanas antes”.

O delegado defende que a Xunta actuou “coa máxima dilixencia”, respondendo “practicamente dun día para outro” ás solicitudes recibidas para a tramitación da instalación da rampla. Insiste en que se trata dun procedemento regulado e coñecido polo Concello, xa que se repetiu en exercicios anteriores.

Segundo Arias, “todo semella un plan premeditado para dilatar no tempo a instalación da rampla”. Detalla que a primeira notificación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil chegou o 21 de maio, e que o 28 xa fora respondida favorablemente pola Xunta, aínda que o organismo de conca non emitiu resolución ata o 30 de xuño.

O 7 de xullo, o Concello, a través da empresa Biosfera Consultoría Medioambiental, solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio Natural autorización para realizar unha prospección para comprobar a presenza de náiades na zona. Na propia solicitude xa se indicaba que os traballos serían realizados entre xullo e agosto de 2025, cando a autorización da Confederación só abarca do 15 de xuño ao 15 de setembro, “o que reflicte tamén a desidia ou o pouco interese do goberno local”, segundo Arias.

A Xunta autorizou a prospección o 8 de xullo. Posteriormente, o 17 de xullo, recibiu outra solicitude para trasladar os 30 exemplares de mexillóns atopados, que foi autorizada o 21 de xullo, logo de reclamarse o venres anterior a documentación pendente.

Arias conclúe que “se o Concello agora dubida da ubicación da rampla, ve a súa inutilidade ou busca escusas para non instalala, é responsabilidade súa. A Xunta respondeu sempre coa máxima celeridade dentro do procedemento administrativo”.

O PP LOCAL DENUNCIA "FALTA DE PLANIFICACIÓN"

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo volveu denunciar a ausencia de planificación e responsabilidade por parte do goberno local na apertura dunha zona pública de baño no verán. Os populares acusan ao alcalde de Lugo de mentir sobre a situación do proxecto e de buscar enfrontamento coa Xunta de Galicia en lugar de traballar por unha solución real que permita aos veciños desfrutar dunha praia fluvial.

Segundo o PP, o rexedor intentou xustificar a renuncia a instalar a rampLa de acceso ao río Miño culpando á administración autonómica, asegurando que xa estaba todo listo e mesmo co persoal de socorrismo contratado. Con todo, os populares desmInten esta versión e sinalan que o proceso de contratación estaba aberto ata as 23:59 horas do mesmo día no que fixo esas declaracións, polo que era imposible contar con traballadores contratados nese momento.

A formación popular remarca que as autorizacións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil non mudaron respecto ao ano pasado, cando si se habilitou a zona de baño, polo que atribúen a actual parálise á falta de vontade do goberno local. Acusan ao executivo municipal de crear un relato ficticio para desviar a atención e esconder as incongruencias dun proxecto mal deseñado e peor executado.

Desde o grupo insisten en que Lugo queda, un verán máis, sen alternativa pública para o lecer estival e denuncian que o Concello dedica recursos públicos a confrontar coa Xunta a través das redes sociais institucionais. Fronte a esta actitude, o PP propón un modelo de cidade baseado na cooperación entre administracións e comprométese a facer realidade a praia fluvial cando goberne.

⚙ Configurar cookies
0.26035308837891