Lugo retira máis de 290 toneladas de residuos durante as festas de San Froilán
A Área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo, a través dun dispositivo especial de limpeza, retirou un total de 290.460 quilos de residuos dende o inicio das festas de San Froilán, o pasado 4 de outubro, ata a madrugada do día 7. O edil Miguel Fernández destacou a eficacia deste operativo: "Estamos moi satisfeitos coa efectividade que demostrou o dispositivo, que permitiu manter a cidade limpa e minimizou o impacto para a veciñanza grazas a un labor intensivo nas zonas máis concorridas."
O 5 de outubro, día grande de San Froilán, rexistrouse un incremento notable na cantidade de residuos recollidos, alcanzando os 198.940 quilos, o que representa un aumento do 17% en comparación co ano anterior, cando se retiraron 171.040 quilos. Esta suba débese á coincidencia da festividade co fin de semana, o que atraeu unha maior afluencia de público aos eventos celebrados por toda a cidade.
O dispositivo de limpeza centrou os seus esforzos non só no recinto feiral e zonas céntricas como a Praza Maior e a Horta do Seminario, senón tamén en barrios como Sagrado Corazón e As Gándaras, ademais das áreas verdes. O operativo contou cun reforzo importante de medios, incluíndo barredoras eléctricas, camións cisterna e contedores especiais, que facilitaron a recollida eficiente de residuos nas áreas máis concorridas, como as casetas do polbo e as zonas de botellón. Este dispositivo especial continuará operativo para garantir a limpeza e o correcto desenvolvemento das festas, que aínda contan con numerosos eventos programados.