Lugo reúne a máis dun cento de participantes no I Torneo Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos

GaliciaXa | LugoXa
A competición, organizada pola Escola Luguesa de Xadrez co gallo do seu 30 aniversario, desenvolverase ata o 20 de xullo e contará con mestres titulados de distintos países
Torneo-Internacional-Fuxan-os-Ventos-xadrez-Lugo
14 Jul 2026

A Escola Luguesa de Xadrez conmemora o seu 30 aniversario coa organización do I Open Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos, unha competición que se celebra en Lugo do 13 ao 19 de xullo e que nace coa vocación de consolidarse como unha cita de referencia no calendario nacional e internacional deste deporte.

O torneo está cofinanciado pola Xunta de Galicia, a través do programa O teu Xacobeo dentro do proxecto Xadrez no Camiño, así como pola Deputación de Lugo, o Concello de Lugo e o Círculo das Artes, entidade que acolle todas as partidas no seu emblemático Salón Rexio.

Nesta primeira edición participarán máis de cen xogadores e xogadoras de distintos países, unha cifra que confirma o éxito da convocatoria. Entre eles figuran quince titulados da FIDE, dos que tres son Grandes Mestres e outros tres Mestres Internacionais. Ademais, un dos grandes atractivos da competición será a presenza da Gran Mestra Feminina (WGM) Yao Lan, unha das xogadoras máis destacadas do panorama internacional nos últimos anos.

A organización destaca que este torneo supón unha oportunidade para situar Lugo no mapa internacional do xadrez e, ao mesmo tempo, ofrecer aos xogadores lucenses e galegos a posibilidade de competir nun torneo de máximo nivel e de nove roldas sen necesidade de desprazarse fóra da comunidade.

O Open Fuxan os Ventos será válido para o ranking internacional e permitirá aos participantes optar á consecución de normas de Mestre Internacional e Gran Mestre Internacional. Ademais, repartirá un total de 6.750 euros en premios, incluíndo categorías específicas segundo o nivel Elo.

As partidas desenvolveranse ao longo de toda a semana en sesións de mañá e tarde, culminando o domingo 19 de xullo coa última rolda e a entrega de premios, prevista para as 14.00 horas. As oito primeiras mesas retransmitiranse en directo e o resto das partidas poderán seguirse en tempo real.

Máis alá da competición, a Escola Luguesa de Xadrez deseñou un amplo programa paralelo para dinamizar a cidade. O Círculo das Artes contará cunha Fan Zone na que os afeccionados poderán seguir análises en directo e disputar partidas rápidas cos xogadores. Ademais, os participantes gozarán dunha ruta cultural e gastronómica polo casco histórico de Lugo, con visitas ao Museo Provincial, ao Centro de Interpretación da Muralla e á Catedral, así como dun torneo de fútbol sala e dun torneo nocturno de xadrez rápido no bar Bora Bora.

Na presentación oficial do evento participaron os concelleiros de Deportes, Damián Carballo, e de Cultura, Javier Vázquez, que puxeron en valor unha competición que reforza a proxección deportiva, cultural e turística de Lugo e felicitaron á Escola Luguesa de Xadrez polo traballo desenvolvido durante estas tres décadas na promoción deste deporte.

0.12169408798218