Lugo reúne esta fin de semana a máis de 700 judokas nos Campionatos de España de Judo Absoluto e Veteranos

GaliciaXa | LugoXa
O Pazo dos Deportes acollerá o sábado as dúas competicións nacionais, nas que participarán deportistas de todo o país, entre eles a actual campioa do mundo, Ai Tsunoda
Judo-Lugo-presentacion-26
25 Nov 2026

Lugo converterase esta fin de semana nun dos principais puntos de encontro do judo nacional coa celebración dos Campionatos de España Iberdrola de Judo Absoluto 2026 e de Veteranos, que reunirán na cidade máis de 700 deportistas procedentes de diferentes comunidades autónomas. A cita contará cunha participación total superior ás 1.100 persoas, entre competidores, delegacións, árbitros e persoal da organización.

As competicións desenvolveranse durante toda a xornada do sábado no Pazo dos Deportes, a partir das 8:30 horas. O campionato absoluto contará con 300 judokas seleccionados polas respectivas federacións autonómicas, mentres que arredor de 400 deportistas participarán na categoría de veteranos.

A competición absoluta repartirá 14 títulos nacionais, sete masculinos e sete femininos, correspondentes ás diferentes categorías de peso. Entre as participantes destacan algunhas das principais figuras do panorama estatal, como a catalá Ai Tsunoda, actual campioa do mundo e elixida mellor judoka feminina nos premios que entregará a federación.

A programación comezará xa na tarde do venres coa Gala de Recompensas e Premios 2026, que se celebrará no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta e reunirá preto de 240 asistentes. Durante o acto distinguirase a case 90 persoas e entidades pola súa traxectoria e os seus méritos deportivos.

Entre os galardoados figuran tamén o galego David García Torné, recoñecido como mellor judoka masculino; o CDE Judo Brunete, de Madrid, como mellor club deportivo, e o Doryoku, de Salamanca, como mellor club de promoción. A gala incluirá igualmente recoñecementos a deportistas e adestradores das disciplinas de jiu-jitsu, aikido, kendo, wushu e defensa persoal.

Na presentación dos campionatos participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, xunto con Mario Mozas e Iván Carballeira, representantes das federacións española e galega, entre outros. Villares salientou o "importante impacto económico e social" que terá a celebración destas probas para a cidade e considerou que volve demostrar a súa capacidade para acoller eventos deportivos de primeiro nivel.

0.16495895385742