Lugo reúne no IV Congreso Galego de Persoas con Cancro a especialistas, pacientes e familiares

LugoXa
O auditorio Fuxan os Ventos acolle unha xornada con expertos en investigación, saúde, ámbito laboral e acompañamento, organizada polas catro sedes galegas da AECC
LUGO-Inauguración-Congreso-AECC-2026
14 Nov 2026

O auditorio municipal Fuxan os Ventos de Lugo acolle este sábado o IV Congreso Galego de Persoas con Cancro e Familiares, unha cita promovida polas catro sedes galegas da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) que reúne profesionais dos ámbitos sanitario, científico e social. Baixo o lema "Coidar desde un Patrimonio da Humanidade", o encontro propón unha reflexión sobre a atención integral e humanizada ás persoas diagnosticadas e á súa contorna, máis alá dos tratamentos médicos.

A inauguración contou coa participación da presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, acompañada polo deputado provincial Miguel Fernández, e do presidente da AECC en Lugo, José Manuel Rozas. Durante a apertura, López agradeceu á asociación que escollera a capital lucense para celebrar esta cuarta edición e destacou a importancia de garantir que o lugar de residencia non limite as posibilidades de acceso aos recursos e ao acompañamento durante a enfermidade.

A presidenta provincial referiuse ás características demográficas e territoriais de Lugo, cunha poboación moi dispersa e envellecida repartida en 67 concellos. Neste contexto, defendeu que vivir nun municipio pequeno non debe supoñer ter menos oportunidades de recibir atención nin afrontar a enfermidade en condicións de maior soidade. Tamén puxo en valor o labor que desenvolve a AECC durante todo o ano a través dos seus profesionais e da rede de voluntariado, que permite chegar a lugares onde, segundo indicou, as administracións non sempre poden estar presentes.

López reafirmou o compromiso da Deputación coa colaboración coas entidades sociais e lembrou o apoio económico que mantén coa sede lucense da asociación. Como exemplo da súa implantación na provincia, destacou que a AECC conta con máis de 6.500 socios e socias, máis de 300 persoas voluntarias e presenza en 14 localidades. Ademais, atende a máis de 600 persoas e realiza máis de 2.700 sesións profesionais de atención e acompañamento.

Durante a súa intervención, a presidenta incidiu en que o cancro non afecta unicamente á saúde da persoa diagnosticada, senón que tamén transforma a vida das familias, que deben afrontar medos, incertezas e cambios nos seus proxectos. Por iso, defendeu unha concepción do coidado que inclúa escoitar, informar e acompañar, ademais de tratar a enfermidade. Neste sentido, considerou necesario prestar atención tamén ás persoas que coidan e aos familiares, que teñen as súas propias necesidades de apoio.

A dimensión laboral e os dereitos das persoas afectadas ocuparon igualmente un lugar destacado na reflexión inicial. López apuntou á importancia de abordar cuestións como o impacto do diagnóstico no emprego, as baixas, as incapacidades e os recursos necesarios para facilitar que os pacientes e as súas familias poidan continuar coa súa vida.

O congreso desenvolve a súa programación ao longo de toda a xornada, con mesas de debate e conferencias especializadas. A sesión da mañá incluíu intervencións centradas nos avances dos tratamentos e na investigación oncolóxica, coa participación de expertos como a investigadora do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) María Soledad Soengas e o doutor José Carlos Hernández Fernández, encargado de impartir a conferencia inaugural.

O programa tamén reserva espazo para analizar as consecuencias da enfermidade no ámbito profesional, con debates sobre baixas laborais, incapacidades, reincorporación ao traballo e adaptación dos postos. Ademais, as persoas participantes poden compartir experiencias sobre a vida despois do diagnóstico, desde perspectivas como a da mocidade ou a superación da enfermidade.

A sesión da tarde completa a proposta con obradoiros especializados en exercicio físico oncolóxico, sexualidade, nutrición e apoio ás persoas coidadoras. A programación inclúe tamén a intervención do campión do mundo de paracanoe Nicolás Martínez Adega e concluirá coa participación de María Soledad Soengas no acto de clausura.

0.15993118286133