Lugo reunirá 16 artesáns galegos na feira que ocupará a Rúa da Raíña os días 12 e 13 de setembro

A Rúa da Raíña de Lugo converterase os días 12 e 13 de setembro nun escaparate da artesanía galega coa celebración da Feira Galega de Artesáns, unha iniciativa que permitirá á cidadanía coñecer de preto o traballo de profesionais de diferentes sectores e adquirir directamente as súas creacións.
A cidade forma parte este ano das 12 localidades galegas incluídas no Circuíto de Feira Galega de Artesáns, promovido pola Asociación Galega de Artesáns coa colaboración e financiamento da Xunta de Galicia, a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia.
A feira contará coa presenza de 16 profesionais da artesanía, que amosarán a diversidade de oficios, materiais e técnicas que forman parte da creación artesanal en Galicia. Entre as propostas poderán atoparse traballos de cerámica, marroquinaría, xoguetería, bisutería, complementos de moda, carpintaría, elaboración de bonecos e xoiaría.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a concelleira de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, Cristina Sanz, presentaron a actividade xunto ao presidente da Asociación Galega de Artesáns, José Manuel Salvado Sanín. Durante a presentación, puxeron o foco na importancia de apoiar aos profesionais do sector e facilitar que poidan dar a coñecer e comercializar directamente os seus produtos.
Candia destacou que este tipo de iniciativas encaixa coa aposta municipal pola dinamización económica e pola defensa dos produtos de identidade galega. "Son produtos que teñen detrás un oficio, unha tradición e tamén a autenticidade de quen os elabora", sinalou.
A rexedora subliñou tamén que a feira servirá para poñer en valor o traballo artesanal e, ao mesmo tempo, para contribuír á xeración de actividade e oportunidades. "Detrás de cada peza hai unha persoa, un oficio e moitas horas de traballo", afirmou.
Desde o Concello salientan que a celebración da feira responde ademais a varios dos obxectivos marcados na acción de goberno, como o apoio aos sectores produtivos, a dinamización da cidade e a posta en valor daqueles elementos que diferencian a Galicia e a súa identidade.