Lugo reunirá a 800 deportistas na liga galega de hip hop este sábado no Pazo dos Deportes

O Pazo dos Deportes de Lugo converterase este sábado, 7 de xuño, nun dos epicentros do hip hop deportivo galego coa celebración dunha nova xornada da liga galega desta modalidade. A competición reunirá arredor de 800 deportistas procedentes de clubs de toda Galicia, entre eles os lucenses Star Dance e Gravitty, as dúas entidades que concentran a práctica desta disciplina na cidade.
O evento está organizado polo club Star Dance, que lidera a preparación da cita, presentada esta tarde nas instalacións deportivas lucenses. A competición conta ademais coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Durante a presentación, o vicepresidente provincial, Efrén Castro, destacou a importancia de que Lugo acolla unha proba destas características, que considera unha mostra do crecemento experimentado polo hip hop como modalidade de baile deportivo na cidade e tamén un recoñecemento ao labor desenvolvido polos clubs, as deportistas e as súas familias.
Castro explicou que desde a Vicepresidencia da Deputación se procura ofrecer un apoio continuado ás entidades deportivas mediante convocatorias anuais de subvencións destinadas tanto á actividade e ao funcionamento ordinario dos clubs como á organización de eventos ou á participación en competicións de ámbito estatal. Segundo sinalou, este respaldo contribúe a que as deportistas dispoñan de maiores oportunidades de formación e mellora deportiva.
A competición desenvolverase ao longo da xornada no Pazo dos Deportes e estará aberta ao público que desexe achegarse para seguir as distintas probas e actuacións programadas.