Lugo reunirá a máis de 300 atletas na terceira cita das Games Series este 12 de xullo

GaliciaXa | LugoXa
As pistas Gregorio Pérez Rivera acollerán unha proba da Liga Galega de Deporte Híbrido que tamén repartirá prazas para a gran final autonómica
Presentación-Games-Series-Lugo-26
8 Jul 2026

As pistas municipais de atletismo Gregorio Pérez Rivera de Lugo acolleron a presentación oficial da terceira parada das Games Series, a Liga Galega de Deporte Híbrido, unha competición que se disputará este domingo, 12 de xullo. No acto participaron o concelleiro de Deportes, Damián Carballo, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares.

A proba chega cunha elevada participación, xa que contará con máis de 300 deportistas inscritos. En concreto, competirán 89 atletas na categoría individual e 224 participantes na modalidade de dobres, confirmando o crecente interese que esperta esta disciplina.

As Games Series son unha competición de fitness ao aire libre que combina carreira e exercicios funcionais. O percorrido está formado por 4 quilómetros de carreira, distribuídos en dez voltas de 400 metros á pista de atletismo, alternadas con nove estacións de exercicios físicos situadas no céspede interior do estadio. A competición está aberta a calquera persoa, sen necesidade de clasificación previa, co obxectivo de promover esta modalidade e fomentar hábitos de vida saudables a través do deporte.

Os participantes deberán superar nove retos físicos ao longo da proba: 500 metros de remo, 50 saltos ou subidas ao caixón, un percorrido de 100 metros transportando un saco Husafell de 30 quilos, 200 metros de paseo do granxeiro con dúas kettlebells de 20 quilos, 50 abdominais con balón medicinal de 7 quilos, 60 metros de zancadas cun saco de 20 quilos, 20 metros de paso do oso empurrando un slamball de 30 quilos, 50 lanzamentos de balón medicinal de 6 quilos contra unha diana situada a 2,70 metros de altura e, finalmente, 60 metros avanzando con burpees con salto.

A competición estrutúrase nas modalidades individual masculina e feminina, así como en dobres masculinos, femininos e mixtos. No formato por parellas, ambos deportistas deben completar xuntos os tramos de carreira, aínda que poden repartirse as repeticións de cada estación segundo a súa estratexia.

A cita de Lugo constitúe unha das catro semifinais provinciais do calendario das Games Series 2026. Como novidade, esta edición desenvolverase en formato de liga regular, na que os 15 primeiros clasificados absolutos de cada proba sumarán puntos para a clasificación xeral da tempada.

Ademais, os tres primeiros clasificados de cada categoría absoluta conseguirán o pase directo para disputar a Final Games Series, prevista para o 27 de setembro de 2026 na Estrada, onde se decidirán os campións absolutos de Galicia desta modalidade.

0.12785696983337