Lugo reunirá máis de 440 persoas no IV Congreso Galego de Persoas con Cancro e Familiares

A Asociación Española Contra o Cancro presentou en Lugo o IV Congreso Galego de Persoas con Cancro e Familiares, unha cita que reunirá este sábado, 14 de novembro, a máis de 440 persoas de toda Galicia no Auditorio Municipal Fuxan os Ventos.
O encontro, declarado de Interese Sanitario pola Consellería de Sanidade, desenvolverase baixo o lema 'Coidar desde un Patrimonio da Humanidade' e busca crear un espazo de encontro, información e reflexión para pacientes, familiares e profesionais.
A xornada comezará ás 9:00 horas e abordará a importancia dunha atención oncolóxica integral e humanizada, que teña en conta non só a enfermidade, senón tamén as necesidades emocionais, sociais e persoais das persoas afectadas e das súas familias. O programa contará coa participación de máis dunha vintena de expertos do ámbito sanitario e científico, entre os que destacan a investigadora do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) María Soledad Soengas e o doutor José Carlos Hernández Fernández. Tamén intervirá Nicolás Martínez Adega, campión do mundo de paracanoe, que compartirá a súa experiencia tras superar un cancro na infancia.
O congreso incluirá mesas de diálogo e obradoiros participativos sobre cuestións como os novos tratamentos, os efectos secundarios da enfermidade e o seu impacto no ámbito laboral. Ademais, desenvolveranse actividades centradas no exercicio físico, a sexualidade e o cancro, os coidados e a nutrición.
O APOIO DAS INSTITUCIÓNS
Na presentación, celebrada na sede lucense da asociación, participaron a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; o delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares; o deputado provincial Miguel Fernández; o presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo, Manuel Barreira; o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela López, e o responsable da AECC en Lugo, José Manuel Rozas.
Durante o acto, Miguel Fernández destacou o apoio da Deputación ao labor da asociación e a importancia de acompañar tanto os pacientes como as persoas que os coidan. "O diagnóstico de cancro afecta a todo o entorno familiar e por iso é fundamental ofrecer apoio non só a quen padece a enfermidade, senón tamén ás persoas que coidan e acompañan durante o proceso", sinalou. Tamén incidiu na necesidade de garantir que os recursos cheguen aos 67 concellos da provincia, especialmente nun territorio marcado pola dispersión poboacional.
Pola súa banda, Alfonso Villares puxo en valor o compromiso da entidade coa atención transversal ás persoas enfermas e ás súas familias. O delegado territorial subliñou que a colaboración entre institucións e asociacións permite avanzar cara a un modelo de coidados integral e personalizado, así como reforzar a prevención e o apoio á investigación.
Pola súa parte, o Concello de Lugo cede de xeito gratuíto as instalacións onde se vai desenvolver esta xornada, que atraerá a unhas 400 persoas de toda Galicia, e que transcorrerá entre os dous plenarios principais e dúas salas expositivas con motivo dos talleres que están programados. Ademais, o Concello tamén colabora cun servizo de transporte urbano gratuíto á disposición das persoas residentes en Lugo que desexen acudir a esta cita. O autobús partirá da Medusa e chegará ao propio auditorio, tanto en servizo de ida (con saída ás 9.00 da mañá) como de volta ao remate da xornada.
Durante a súa intervención, a alcaldesa, Elena Candia, quixo agradecer á organización "o seu esforzo por deseñar un programa de tanto interese e relevancia que vai atraer xente doutras provincias ao noso municipio". Nesa liña, afondou na gran oportunidade que supón escoitar as voces do doutor José Carlos Hernández Fernández, do campión do mundo de paracanoe, Nicolás Martínez Adega, e da doutora Marisol Soengas, unha referencia na investigación en cancro e unha paciente en ensaios clínicos. "Tan importantes coma esas intervencións serán as catro mesas redondas que se desenvolverán (novos tratamentos e investigación, traballo e cancro, de pacientes e efectos secundarios) e os catro talleres simultáneos previstos (exercicio físico, sexualidade e cancro, coidando ao que coida e nutrición), nos que a bo seguro participarán activamente as persoas con cancro e os seus familiares", subliñou Candia.
As catro sedes provinciais da AECC en Galicia participan na organización deste encontro, que xa conta con máis de 440 persoas inscritas. A asistencia é gratuíta e o prazo de inscrición continúa aberto a través da web congresos.contraelcancer.es/galicia. O evento conta co patrocinio de diversas entidades públicas e privadas, entre elas o Concello e a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, Caixa Rural Galega e o Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia.