Lugo reunirá máis de 50 mozos de Galicia e Portugal nun encontro de innovación rural

GaliciaXa | LugoXa
A Creative Jam Internacional do proxecto europeo LIRES celébrase do 2 ao 4 de decembro no Complexo Residencial Lug2 para desenvolver solucións innovadoras aos retos dos territorios rurais
TECH CREATIVE JAM Lugo
24 Nov 2026

Lugo acolle do 2 ao 4 de decembro a Creative Jam Internacional do proxecto europeo LIRES, un encontro que reunirá a máis de 50 mozos e mozas de Galicia e do norte de Portugal para crear ideas e solucións innovadoras orientadas ao desenvolvemento dos territorios rurais. A actividade ten como sede o Complexo Residencial Lug2 e conta cunha participación global superior ás 70 persoas, entre participantes, expertos, mentores e representantes das entidades socias.

A iniciativa dá continuidade ao traballo das Creative Jams nacionais e traslada agora a experiencia ao ámbito transfronteirizo, co obxectivo de conectar diferentes realidades rurais, intercambiar coñecementos e impulsar propostas que respondan aos desafíos e oportunidades de ambos os territorios.

Durante tres xornadas, os participantes traballan en equipos multidisciplinares co acompañamento de mentores e especialistas. A programación combina dinámicas de conexión, identificación de retos, obradoiros temáticos e sesións de prototipado para transformar as ideas en propostas concretas.

A primeira xornada céntrase na benvida, na presentación do proxecto, na creación dos equipos e na formulación dos retos. Na segunda desenvólvense obradoiros de exploración rural e innovación, con actividades prácticas para estimular a creatividade e avanzar nos prototipos. A última xornada dedícase á finalización das propostas, á súa presentación ante un xurado e ao recoñecemento dos proxectos participantes.

O encontro busca tamén fortalecer as relacións entre Galicia e o norte de Portugal, crear redes de colaboración e achegar á mocidade rural novas experiencias de aprendizaxe e emprendemento. A través do traballo conxunto, os participantes poden compartir perspectivas, identificar desafíos comúns e desenvolver habilidades creativas para contribuír ao futuro das súas comunidades.

A Creative Jam enmárcase no proxecto LIRES, Laboratorios de Innovación Rural e Emprendemento Sostible, liderado pola Universidade de Santiago de Compostela a través do Campus Terra e cofinanciado pola Unión Europea mediante o programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

A iniciativa reúne oito entidades beneficiarias: a USC, VIDA LÁCTEA, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), a Cámara de Comercio de Santiago, a Comunidade Intermunicipal do Ave, In.Cubo, TecMinho e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro. Tamén colaboran Lug Open Factory, Sol do Ave, Probasto e Basto Vida.

0.17329883575439