Lugo revalida a Escoba de Platino polo seu modelo de limpeza e xestión de residuos

LugoXa
O galardón recoñece o avance na recollida selectiva e o impulso do sistema de biorresiduos como eixo da economía circular
Escoba-de-Platino-Lugo-2026
21 Apr 2026

O Concello de Lugo vén de ser distinguido novamente coa Escoba de Platino, a máxima distinción outorgada pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos y Medio Ambiente, un premio de ámbito estatal e iberoamericano que recoñece a consolidación dun modelo baseado na mellora continua do sistema de limpeza urbana e xestión de residuos. O xurado destacou especialmente o desenvolvemento do modelo de xestión de biorresiduos impulsado nos últimos anos.

Entre os aspectos máis valorados figura a implantación progresiva dun sistema de tratamento da materia orgánica estruturado en catro fases, que abrangue desde a recollida en contedores na rúa ata servizos específicos para grandes produtores, pasando pola creación de centros de compostaxe comunitaria e o impulso do compostaxe individual. Este modelo contribúe a pechar o ciclo dos residuos, reducindo a fracción resto e favorecendo a súa reutilización dentro dun sistema de economía circular.

Os datos avalan esta evolución positiva. No último ano, a recollida de envases lixeiros incrementouse un 4,14 %, mentres que o papel e cartón medraron un 5,01 % e o vidro un 3,32 %. Ao mesmo tempo, a fracción resto por habitante descendeu ata os 0,994 kg por persoa e día. Desde 2022, a reciclaxe de envases aumentou un 34,95 % e a de papel e cartón un 95,60 %, cifras que consolidan a Lugo como unha das cidades máis avanzadas neste ámbito.

A revalidación da Escoba de Platino reforza a posición do municipio como referente na xestión sostible dos residuos, unha liña que xa fora recoñecida en edicións anteriores polos avances na modernización do servizo, a incorporación de maquinaria máis eficiente, a implantación do sistema de carga lateral ou a posta en marcha de iniciativas como o punto limpo móbil.

O alcalde, Miguel Fernández, subliñou que este recoñecemento avala unha traxectoria sostida no tempo, baseada na planificación, a innovación e a implicación cidadá, factores que permiten situar á cidade na vangarda estatal en materia de sostibilidade.

O rexedor destacou tamén o papel clave do persoal municipal e da cidadanía neste proceso, sinalando que os resultados son froito dun esforzo colectivo e dunha crecente concienciación social. A entrega oficial do galardón terá lugar o vindeiro 10 de xuño en IFEMA, no marco da Feira Internacional de Urbanismo e Medio Ambiente (TECMA 2026), onde Lugo volverá presentarse como exemplo de boas prácticas.

0.15494298934937