Lugo Rural Importa reclama á CHMS máis colaboración para habilitar unha zona de baño no Miño

A federación veciñal Lugo Rural Importa realizou un chamamento á Confederación Hidrográfica Miño-Sil para que colabore co Concello de Lugo no proceso destinado a habilitar unha zona de baño no río Miño ao seu paso pola cidade.
Segundo explica o colectivo, despois de anos de intentos e diversas iniciativas que non chegaron a materializarse, comezaba a abrirse a posibilidade de contar, polo menos de maneira provisional, cun espazo para o baño mediante a instalación dun pantalán flotante ancorado á terra e sen afección á canle do río. Esta infraestrutura xa recibira autorización para o desenvolvemento de dúas probas deportivas e o Concello confiaba en poder mantela durante o período estival para facilitar o acceso ao baño.
Porén, a federación sinala que a Confederación esixe agora novos requisitos administrativos para prolongar a instalación, un feito que, segundo advirten, podería impedir a súa utilización durante este verán. Lugo Rural Importa considera que se a estrutura puido ser autorizada temporalmente para determinados eventos, tamén debería existir a posibilidade de mantela durante as semanas restantes da época estival, permitindo ademais que os trámites administrativos continúen sen necesidade de retirar o pantalán do río.
Desde a entidade tamén expresaron o seu malestar polas discrepancias entre administracións e organismos públicos, sinalando que a cidadanía está cansada das consecuencias derivadas das diferenzas entre institucións dirixidas por responsables de distintas formacións políticas.
O colectivo asegura apoiar o cumprimento das normas e da lexislación vixente, aínda que considera que a súa interpretación debe realizarse sempre priorizando o interese xeral da veciñanza. Neste sentido, solicitarán unha reunión co presidente da Confederación, José Antonio Quiroga, co obxectivo de trasladarlle a súa postura e pedirlle que reconsidere a retirada do pantalán e facilite a tramitación da autorización correspondente.