Lugo será a sede da Semana Nacional do Deporte Antigo do 13 ao 23 de novembro
Lugo converterase na sede da Semana Nacional do Deporte Antigo do 13 ao 23 de novembro nun evento que atraerá á cidade a máis de cincuenta atletas e especialistas de toda España.
Organizado pola Área de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo, xunto coa asociación Lucius Spiculus Divulgación, o evento propón unha programación diversa, con conferencias, exhibicións e competicións abertas a todos os públicos.
“Este evento non só nos permitirá coñecer máis sobre a historia, senón que tamén nos ofrecerá a oportunidade de practicar estes deportes dunha maneira rigorosa e fiel ás súas orixes”, explicou o edil Jorge Bustos. Ademais, destacou que “a nosa programación de accións divulgativas esténdese ao longo do ano con eventos coma esta semana de deporte antigo, que permiten descubrir as orixes do deporte e achegar o patrimonio de Lugo a todos os públicos".
Entre os poñentes de prestixio que participarán, destacan Alfonso Mañas, doutor en Historia do Deporte, experto en gladiatura, investigador da Universidade de Berkeley e membro do Consello Editorial de The International Journal of the History of Sport; Juan Tranche, editor e divulgador sobre a Antiga Roma e autor da novela Spiculus; Fernando Barriales, recreador histórico especializado en gladiatura e creador de musealizacións; e Javier Romay, fundador de Lucius Spiculus Divulgación e especialista en deportes antigos. Cada un deles achegará o seu coñecemento para enriquecer esta semana única de divulgación histórica.
“O traballo destes poñentes e expertos é fundamental para achegarnos a unha recreación fiel e enriquecedora do noso pasado,” engadiu Bustos, “e a súa presenza en Lugo será unha gran oportunidade para seguir aprendendo sobre as nosas raíces e compartir estes coñecementos con toda a cidadanía".
As actividades
Entre as actividades máis destacadas desta semana, inclúese o V adestramento nacional de gladiatura, que en edicións anteriores celebrouse en cidades como Tarragona e Madrid. Os adestramentos, abertos ao público, permitirán aos asistentes observar de preto as técnicas e prácticas destes antigos combates.
Así mesmo, o día 23 celebraranse os Xogos Panhelénicos no Campo Municipal de As Pedreiras, onde o público poderá experimentar disciplinas deportivas da antigüidade e presenciar unha competición de nivel nacional.
Lucius Spiculus Divulgación, que coorganiza estas xornadas, traballa desde a súa fundación en 2020 para recrear e dar a coñecer o deporte da antigüidade cun rigor e compromiso que os levaron a participar en eventos tanto nacionais como internacionais.
Colaboradores habituais do Arde Lucus, esta asociación tamén tivo presenza en encontros de renome en cidades como Mérida, Turín e Roma, posicionándose como unha referencia na divulgación e práctica da gladiatura e outras disciplinas antigas.
Con actividades tanto para especialistas como para o público xeral, a Semana Nacional do Deporte Antigo é unha cita consolidada a nivel nacional que chega a Lugo por primeira vez, ofrecendo unha viaxe ao pasado e achegando a riqueza do patrimonio histórico ás novas xeracións.