Lugo será o epicentro de diversas competicións oficiais de voleibol nacional este 2025

O Concello de Lugo e a Real Federación Española de Voleibol (RFEVB) selaron un acordo de colaboración que consolidará á cidade como unha das principais sedes de preparación e competición das seleccións nacionais de voleibol.
Este acordo converterá o Pavillón Municipal de Lugo nunha referencia para o desenvolvemento e proxección das seleccións españolas, tanto nas categorías inferiores como en equipos absolutos.
Lugo será a sede durante 2025 de diversas concentracións e competicións oficiais, con participación das seleccións absolutas masculina e feminina, así como de equipos sub21, sub25 e sub16. Entre os eventos máis destacados, o Pavillón Municipal acollerá a Golden League Europea, na que a selección española masculina xogará contra Eslovaquia e Letonia do 20 ao 22 de xuño. Ademais, a selección feminina realizará unha concentración en Lugo do 6 de xullo ao 9 de agosto, onde se enfrontará a Portugal o 6 de agosto, nun amistoso preparatorio para o Campionato de Europa.
O acordo tamén inclúe a preparación da selección sub21 feminina, que se concentrará en Lugo entre o 15 de xuño e o 2 de xullo, con partidos amigables, entre os que destaca un fronte a Portugal o 28 de xuño. Este evento culminará coa celebración do Campionato de España Júnior Feminino do 14 ao 18 de maio, co Emevé como club anfitrión e o Pavillón Municipal como sede principal.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, visitaron aos xogadores da selección sub16 masculina, que se atopa en Lugo preparando o preeuropeo da categoría. O equipo, dirixido polo adestrador lucense Diego Taboada, contará coa participación dos xogadores lucenses Nicolás López e Xacobe Fra, do Arenal Emevé. O torneo, que se disputará do 25 ao 27 de abril no Municipal, enfrontará a España con Acerbaixán, Estonia e Austria.
Miguel Fernández subliñou o orgullo que supón para a cidade que as seleccións españolas elixan Lugo como sede para eventos de tal relevancia. “O Concello de Lugo está comprometido en facer do deporte unha ferramenta de proxección exterior e benestar social. Este acordo é unha oportunidade única para consolidar Lugo como un referente no ámbito deportivo”, afirmou o alcalde.
O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, destacou a importancia do acordo para a cidade, especialmente no que respecta á infraestructura e á traxectoria do voleibol en Lugo. "Lugo conta cun dos mellores pavillóns do país para a práctica deste deporte e unha traxectoria que avala a súa capacidade para acoller grandes eventos. Este acordo é un paso máis no noso proxecto de cidade, que cre no deporte como motor de cohesión, saúde e promoción exterior”, afirmou Bustos.
Finalmente, Bustos tamén quixo resaltar o papel fundamental do Arenal Emevé, club que forma a 500 mozos e mozas e que recentemente conseguiu manter aos seus equipos feminino e masculino na elite do voleibol nacional. "Este recoñecemento tamén é para a familia Bouza, que impulsou un proxecto deportivo que é hoxe un orgullo para Lugo", concluíu.