Lugo inicia o proceso de adhesión ao Padroado da Fundación Uxío Novoneyra

LugoXa
A integración chega nun momento simbólico para a entidade, que celebra tamén os 75 anos da publicación de Os Eidos
Lugo-entra-no-padroado-da-Fundación-Uxío-Novoneyra
21 Jul 2025

O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciaron o inicio do procedemento para a integración do Concello ao Padroado da Fundación Uxío Novoneyra.

Fixérono acompañados polo vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e membros da entidade, nun acto que coincide cun ano de especial relevancia: cúmprense 25 anos do falecemento do poeta do Courel e 75 da publicación de Os Eidos, a súa obra máis representativa.

Maite Ferreiro destacou o valor deste paso institucional e sinalou que “para Lugo é unha honra comezar a formar parte do Padroado da Fundación Uxío Novoneyra neste ano tan simbólico. Uxío foi veciño da cidade, e tanto o seu pensamento como a súa poesía e o seu vínculo coa cultura galega son tamén referentes para a cidadanía lucense”.

A concelleira lembrou que esta incorporación supón consolidar e ampliar unha colaboración xa activa: “Levamos anos traballando conxuntamente en proxectos europeos, encontros literarios, exposicións e propostas educativas que tiveron lugar en Lugo, e con este paso reafirmamos o noso compromiso coa defensa e divulgación do noso patrimonio literario e artístico”.

Segundo Ferreiro, esta incorporación “sitúa a Lugo como unha cidade que aposta pola cultura e pola memoria viva, sumando forzas coas principais institucións culturais do país para garantir que a obra de Uxío Novoneyra siga inspirando ás novas xeracións, tanto en Galicia como fóra”.

A Fundación Uxío Novoneyra, creada no ano 2010 e recoñecida como de interese cultural estatal desde 2012, propuxo ao Concello de Lugo formar parte desta nova etapa de expansión e consolidación. Nesta nova fase tamén se incorporarán a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo, a cidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, fortalecendo así a rede institucional que traballa para preservar, promover e difundir o legado literario do autor do Courel.

⚙ Configurar cookies
0.16662120819092