Lugo supera as 10.000 persoas usuarias nun día no bus urbano mentres avanza no novo modelo de transporte

LugoXa
A Tenencia de Alcaldía mantén aberto o proceso participativo para redefinir o servizo e prevé ampliar quilometraxe para adaptarse ao crecemento da cidade
Rubén-Arroxo-Centro-de-Convivencia-de-Fingoi
3 Mar 2026

A Tenencia de Alcaldía continúa impulsando o proceso participativo posto en marcha para definir o futuro modelo de transporte público da cidade, nun contexto no que o servizo de bus urbano vén de superar por primeira vez en 2025 a cifra de 10.000 persoas usuarias nunha única xornada. O responsable da área, Rubén Arroxo, subliñou que o reto pasa agora por consolidar ese volume de pasaxe habitual e seguir fomentando o uso do transporte colectivo en Lugo.

O novo contrato do servizo incluirá a posibilidade de incrementar a quilometraxe no futuro, tendo en conta as previsións de crecemento urbanístico da cidade nos vindeiros anos. Segundo explicou Arroxo, esta marxe permitirá adaptar os percorridos ás novas áreas residenciais que se desenvolvan e asegurar que o autobús urbano dea cobertura ás futuras vivendas.

Entre as liñas estratéxicas marcadas pola Tenencia de Alcaldía figuran a mellora das conexións cos distintos barrios, a facilitación de transbordos máis áxiles, a garantía dunha frecuencia mínima de 30 minutos en todas as rutas e a redución dos tempos de espera nos principais eixos urbanos, onde na actualidade os buses pasan cada 12 minutos.

Neste marco, o Centro de Convivencia de Fingoi acolleu esta tarde unha nova reunión veciñal dentro da rolda de encontros que se están a celebrar polos distintos barrios co obxectivo de recoller propostas e suxestións da cidadanía. Ademais das sesións presenciais, as persoas interesadas poden enviar as súas achegas a través do correo electrónico mobilidade@lugo.gal, que permanecerá operativo ata o 15 de marzo.

Arroxo avanzou que o Goberno local continuará mantendo encontros coa veciñanza para escoitar as súas contribucións e avanzar cara a un modelo de transporte público adaptado ás necesidades reais de Lugo.

0.12020397186279