Lugo terá unha Unidade Municipal de Atención Temperá a partir de xaneiro de 2027

LugoXa
O Concello solicitará á Xunta 273.355 euros para poñer en marcha un servizo que prevé atender a preto de 400 nenos e nenas de 0 a 6 anos
Xunta-de-Goberno-local-Lugo
7 Sep 2026

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo acordou solicitar á Xunta de Galicia o financiamento necesario para poñer en marcha unha Unidade Municipal de Atención Temperá a partir de xaneiro de 2027, dando un novo paso no cumprimento dos compromisos adquiridos polo Goberno municipal de Elena Candia.

O novo servizo permitirá atender aproximadamente 400 nenos e nenas de entre 0 e 6 anos ao ano, dando resposta a unha necesidade da cidade. Desde o Goberno local sinalan que esta prestación non se puxera en marcha anteriormente debido á decisión do anterior Executivo de non optar á correspondente subvención autonómica.

A unidade contará inicialmente con tres profesionais a xornada completa: un psicólogo ou psicóloga, un logopeda e un terapeuta ocupacional ou fisioterapeuta. En función das necesidades, o equipo poderá situarse entre tres e cinco profesionais especializados na atención á infancia.

O Concello optará pola fórmula do concerto social para prestar o servizo, priorizando as entidades do terceiro sector que conten con experiencia neste ámbito. Nestes momentos, o Goberno local traballa na redacción da ordenanza municipal que regulará a actividade e na preparación dos pregos necesarios para a contratación.

Entre os posibles emprazamentos para a unidade figura o Centro Interxeracional Paco Martín, nun espazo de titularidade municipal que actualmente se atopa infrautilizado.

A proposta contempla que o servizo estea operativo entre o 1 de xaneiro de 2027 e o 31 de outubro de 2028. Durante os 22 meses de funcionamento prevese prestar un total de 9.459 horas de atención profesional e atender aproximadamente 388 nenos e nenas.

Para financiar a iniciativa, o Concello solicitará unha subvención de 273.355,64 euros. O custo estimado total do servizo ascende a 328.026,76 euros, polo que a achega municipal será de aproximadamente 54.671 euros.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, destacou que a atención temperá é "fundamental" para reforzar a prevención, a detección precoz e o apoio aos nenos e nenas que precisan axuda no seu desenvolvemento. Para a rexedora, a creación da unidade constitúe tamén "un primeiro paso" dentro dunha liña de atención ás familias que o Concello pretende ampliar.

Neste sentido, Candia adiantou que se traballará tamén nun proxecto de Atención Postemperá, ao considerar que "a rehabilitación, as terapias e o acompañamento non rematan aos seis anos e as familias precisan respostas nas distintas etapas da vida dos seus fillos e fillas".

Novo contrato de seguridade para oito equipamentos municipais

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén o expediente e os pregos para licitar o novo servizo de seguridade privada, sen armas, en oito equipamentos municipais de carácter social.

O contrato afectará aos centros municipais de convivencia de Fingoi, Sagrado Corazón, Milagrosa, Uxío Novoneyra, Maruja Mallo, Lamas de Prado e María Balteira, así como ao Centro Interxeracional Paco Martín.

A prestación terá inicialmente unha duración aproximada de 19 meses, desde novembro de 2026 ata xuño de 2028, coa posibilidade de incorporar ata dous anos adicionais de prórroga. O orzamento base de licitación ascende a 597.655,23 euros, IVE incluído, mentres que o valor estimado total, incluídas as posibles prórrogas e modificacións, alcanza os 1.285.229,97 euros.

A contratación realizarase mediante procedemento aberto e valorará, entre outros aspectos, o prezo, unha bolsa de ata 624 horas anuais adicionais de vixilancia, a formación complementaria do persoal e a dispoñibilidade dunha ferramenta informática para realizar o seguimento do servizo.

O Concello define este contrato como unha solución de transición, coa finalidade de garantir a continuidade da seguridade nos equipamentos sociais e facer coincidir a súa finalización coa do contrato actualmente en vigor. A intención municipal é que nese momento se poidan licitar conxuntamente os servizos de seguridade dos diferentes equipamentos, avanzando cara a unha contratación unificada.

Máis de 2,3 millóns de micro LED para o San Froilán e o Nadal

A Xunta de Goberno Local adxudicou tamén a Creaciones Luminosas S.L. o contrato conxunto para a iluminación ornamental do San Froilán 2026 e do Nadal 2026, por un importe total de 317.485,85 euros, IVE incluído.

Do importe total, 55.617,65 euros corresponden á iluminación do San Froilán e 261.868,20 euros á campaña de Nadal.

A proposta inclúe melloras sobre as condicións mínimas previstas nos pregos, tanto no número de elementos luminosos adicionais como na cantidade de lámpadas micro LED. No San Froilán instalaranse máis de 890.000 micro LED, mentres que no Nadal superaranse os 1,4 millóns, sumando máis de 2,3 millóns de puntos de luz.

A iluminación das festas de San Froilán deberá estar preparada para a súa posta en funcionamento o 4 de outubro, mentres que a campaña de Nadal está prevista para inaugurarse o 4 de decembro e permanecerá instalada ata o 6 de xaneiro de 2027.

Avances na incorporación de persoal municipal

No ámbito da seguridade, a Xunta de Goberno Local tamén avanzará no proceso para cubrir catro prazas de Policía Local mediante mobilidade, correspondentes á Oferta de Emprego Público de 2025, coa designación do tribunal cualificador.

Do mesmo xeito, propónse designar o tribunal cualificador do proceso selectivo para cubrir dúas prazas de ordenanza en quenda libre, correspondentes á OEP de 2023.

A constitución destes tribunais permitirá avanzar nos procedementos para a incorporación dos novos efectivos da Policía Local e dos ordenanzas, tras a publicación das respectivas convocatorias e a aprobación da lista provisional de persoas admitidas e excluídas.

"Coidar a quen nos coida tamén é unha responsabilidade deste Goberno", afirmou Elena Candia, que defende a necesidade de continuar reforzando os servizos públicos e de dotar os diferentes departamentos municipais dos medios humanos necesarios.

217.679 euros para o patrocinio do Caudal Fest

Por último, a Xunta de Goberno Local propón adxudicar á mercantil Caudal Fest S.L. o contrato de patrocinio publicitario do Caudal Fest 2026, por un importe de 217.679 euros, IVE incluído.

0.14845108985901