Lugo traslada ao 1 de novembro as actividades de Samaín polo loito polo accidente de tren de Toledo

O Concello de Lugo modificou a programación de Samaín prevista para este venres 30 e o sábado 31 de outubro debido ás xornadas de loito decretadas polo accidente ferroviario. A maior parte das actividades trasladaranse ao domingo 1 de novembro, mentres que dúas propostas quedan canceladas e o concerto de Broken Peach celebrarase nunha nova data.
Entre as actividades que se desenvolverán o domingo figura o Samaín infantil, que terá lugar na Praza de Abastos entre as 10:00 e as 14:00 horas. Pola tarde, o aparcadoiro do Concello acollerá o Túnel do Medo, de 17:00 a 19:00 horas para o público familiar e de 19:00 a 21:00 horas para persoas adultas. No mesmo espazo celebrarase 'O rastro dos espíritos', a partir das 17:00 horas, e o concurso musical 'O son das ánimas', ás 18:00 horas.
A programación completarase co 'Ouveos e cairos', unha proposta de flashmob prevista entre as 18:00 e as 20:00 horas, e coa ruta 'Segredos de Intramuros', guiada por Guido, que comezará ás 19:30 horas na Praza do Cantiño.
Pola súa banda, o concerto de Broken Peach, inicialmente incluído na programación de Samaín, trasládase ao domingo 6 de decembro. A actuación comezará ás 21:00 horas no templete da Praza Maior.
As actividades 'Factoría de personaxes' e 'Percusión ancestral' quedan canceladas e non figuran entre as propostas reprogramadas polo Concello de Lugo.