Lugo volve responder á marcha solidaria contra o cancro cunha participación de case 800 persoas

LugoXa
A sétima edición de Lugo en marcha contra o cancro reuniu actividade física, solidariedade e accións de concienciación sobre hábitos saudables
Lugo-en-Marcha-Contra-o-Cancro-2026
26 Apr 2026

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Lugo celebrou a sétima edición da iniciativa solidaria Lugo en marcha contra o cancro, unha cita que contou un ano máis co apoio da Xunta e que acadou unha destacada resposta cidadá. A organización sinalou que a participación superou todas as expectativas, con case 800 persoas asistentes, aínda que a cifra inicial de inscricións rondaba as 600.

O evento desenvolveuse cun carácter lúdico e deportivo e ofreceu dúas modalidades de participación. Por unha banda, unha andaina que comezou ás 18:00 horas polo adarve da Muralla. Por outra, unha carreira de 5 quilómetros para adultos e distintas probas infantís, que se celebraron a partir das 19:00 horas.

A entidade impulsa esta actividade co propósito de seguir apoiando e mellorando a calidade de vida das persoas con cancro e das súas familias ao longo de todo o proceso da enfermidade, ademais de fomentar a investigación oncolóxica.

Outro dos obxectivos principais da xornada foi sensibilizar á sociedade sobre a relevancia de manter hábitos de vida saudables para a prevención do cancro, baseados nunha alimentación equilibrada e na práctica regular de exercicio físico.

Todas as persoas participantes entrarán automaticamente no sorteo de 12 cubrecamisetas do Breogán asinadas polos xogadores do club. O sorteo celebrarase ante notario este luns, 27 de abril, e as persoas gañadoras serán comunicadas a través das redes sociais da Asociación Española Contra o Cancro en Lugo, ademais de seren contactadas telefonicamente.

Desde a organización tamén agradeceron ao Club Baloncesto Breogán e á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) a cesión destas cubrecamisetas para a celebración do evento.

0.13714790344238