Lugo volveu paralizarse por gandeiros de toda a provincia que protestaron un día máis contra Mercosur

Os gandeiros de Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema volveron mobilizarse este martes en Lugo contra o acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur, nunha nova xornada de protestas marcada pola falta de resposta das institucións ás súas demandas. Tras máis de dúas semanas de concentracións continuadas, o sector non descarta agora emprender outro tipo de accións ante o silencio administrativo.
A manifestación percorreu as rúas da cidade desde a sede da Xunta ata a Subdelegación do Goberno, encabezada por un boi de raza Rubia Galega, con pancartas, cencerros e un numeroso grupo de tractores que circularon pola Ronda da Muralla, provocando importantes afeccións ao tráfico. Os participantes volveron sinalar como responsables do acordo aos eurodeputados do PSOE e do PP, aos que acusan de “vender” o sector primario.
Antes da marcha, o presidente de Gandeiros Galegos da Suprema, Santiago Rego, advertiu de que as tractoradas continuadas non están a ter o efecto esperado, xa que non recibiron resposta ás solicitudes de reunión cursadas ás diferentes administracións e representantes políticos. Por este motivo, anunciou que, aínda que as concentracións continuarán de momento, o colectivo estudará novas fórmulas de protesta máis puntuais, compatibles co traballo diario nas explotacións.
Durante a xornada tamén se gardou un minuto de silencio polas vítimas do accidente ferroviario ocorrido en Andalucía, e mantívose a habitual reunión informativa nocturna, dirixida tamén aos consumidores, para explicar as consecuencias que, segundo o sector, terá a entrada en vigor do tratado.
A PARTICIPACIÓN DO BNG
Á mobilización sumáronse representantes do BNG, entre eles o deputado no Congreso Néstor Rego, que expresou o seu apoio ás protestas e reiterou a oposición da formación nacionalista ao acordo con Mercosur, ao considerar que prexudica gravemente o sector primario galego. A presenza do BNG enmarcouse nun xesto de respaldo político ás reivindicacións dos gandeiros, que seguen reclamando medidas concretas e unha resposta clara das institucións.
Néstor Rego sinala directamente a responsabilidade compartida de PSOE e PP no apoio e impulso do acordo, “aínda que resulta especialmente grave o papel do Partido Popular, que agora pretende presentarse como defensor do campo mentres foi un dos grandes promotores deste tratado tanto en Bruxelas como no Estado español”.
“O PP actúa con absoluto cinismo: alentou durante anos a sinatura do acordo Mercosur, pediu mesmo que o Estado liderase a súa aprobación e agora tenta capitalizar o malestar do sector agrogandeiro cun discurso oportunista e falso” afirma Rego. Ao tempo, criticou que o PSOE “manteña unha posición submisa ás lóxicas dos grandes intereses económicos e xeopolíticos, sacrificando, máis unha vez, o campo galego e empregándoo como moeda de cambio”.
O deputado nacionalista subliña que o acordo vai na dirección contraria aos obxectivos que din defender as institucións europeas e os gobernos estatais. “Non se pode falar de sustentabilidade, de loita contra o cambio climático ou de soberanía alimentar mentres se impulsan macro acordos comerciais que fomentan o monocultivo intensivo, o transporte intercontinental de alimentos e a desaparición da produción de proximidade”, advertiu.

A MOCIÓN SOCIALISTA NA DEPUTACIÓN
Pola súa banda, a nova presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, reuniuse no Pazo de San Marcos con máis representantes dos afectados polo acordo con Mercosur para perfilar a moción que os socialistas levarán a Pleno a semana que vén. No encontro, que tivo lugar na Sala de Xuntas, participaron membros do sindicato Unións Agrarias e da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur), así como os deputados provinciais Pilar García Porto e Pablo Rivera Capón.
Carmela López sinalou que este acordo comercial abre un novo escenario para o sector primario “que debe ser abordado con rigor, responsabilidade e firmeza política desde todas as institucións, xa que a súa implementación xerará un impacto director sobre a gandería galega e o sector agroalimentario”. Nese sentido, destacou que a provincia de Lugo é un territorio con forte dependencia do sector primario e que polo tanto a apertura comercial “debe ir acompañada de garantías efectivas que protexan aos gandeiros”.
Segundo detallou na reunión a presidenta, a iniciativa que os socialistas defenderán na sesión ordinaria da Corporación do mes de xaneiro – o martes 27- instará á Xunta e ao Goberno do Estado a que adopten diferentes medidas para garantir unha aplicación responsable do acordo entre a Unión Europea e os países suramericanos.
Algún deses mecanismos de protección que recolle o texto pasan por reforzar os controis fronteirizos e garantir o cumprimento dos estándares europeos; activar cláusulas de salvagarda de forma áxil e efectiva; promover a diferenciación da carne galega; establecer medidas específicas de apoio ao sector gandeiro galego; apoiar unha estratexia de autosuficiencia alimentaria; e demandar unha Política Agraria Común (PAC) forte e reforzada.