Lugo xa ten PXOM

LugoXa
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, conseguiu o apoio do Partido Popular para sacar adiante o 5% do PXOM que quedaba por aprobar.
Alcaldesa Lugo pleno pxom
23 Xuño 2022

Lugo xa ten PXOM. Tras once anos de idas e vidas, de debates políticos e urbanísticos, o Partido Popular deu o seu voto favorable en pleno á aprobación do 5% do documento que restaba por aprobar tralas modificacións solicitadas pola Xunta de Galicia.

Pódese dicir que, grazas a un recén chegado edil de Urbanismo, Álvaro Santos, tras un período de larga baixa por enfermidade, o PP puido dar o seu apoio. E é que esta semana, Santos reuniuse cos populares para responder ás súas preguntas con respecto ás modificacións realizadas no documento.

Diante disto, a alcaldesa falou no pleno criticando que os populares non deran o seu visto e prace a pasada semana. "Estiveron moi preocupados en dicir que eu son parte activa deste documento e que necesitaban esa semana máis para aclarar que estudaron, consultaron, falaron con técnicos. E que, agora, van dar ese voto favorable".

Lara Méndez explicou na súa comparecencia en pleno que a súa prioridade é que "a cidade creza e que creza con certezas e garantías". Unhas certezas e garantías que, segundo dixo, dará "este documento que axudará a dinamizar a economía local" e que a rexedora resumiu nunha frase: "Lugo é cidadanía".

A alcaldesa pediu, antes do voto, "traballo e responsabilidade" pois, dixo, "é o que ofrezo en primeira persoa e é o que ofrece o equipo de Goberno".

O non do BNG

Os concelleiros do BNG repetiron o seu voto en contra nesta sesión plenaria celebrada hoxe. O tenente alcalde, Rubén Arroxo, explicou que "a militancia do BNG tomamos a decisión de manter neste pleno unha postura coherente co traballo feito realizado desde o minuto un da tramitación deste Plan Xeral".

Rubén Arroxo comparou o actual plan xeral cun puzzle de 20 pezas, e explicou que “a totalidade do puzzle prevía un gran crecemento poboacional, cunha estimación de que Lugo contara con máis de 300.000 habitantes aos 10 anos, mais a realidade é que o crecemento poboacional foi de pouco máis de 3.000 veciñas e veciños nos 11 anos e medio que pasaron”, explicou na intervención no pleno. Arroxo continuou a explicación do voto do BNG, afirmando que “a peza do puzzle que caeu, o 5%, continúa a formar parte dun proxecto de cidade que non compartimos”.

Arroxo afirmou que "continuaremos a apostar por un modelo de cidade sustentábel, que vaia da man coa realidade do Concello, e que sexa verdadeiramente útil para as veciñas e veciños de Lugo".

Rubén Arroxo trasladou que o BNG valora positivamente parte das modificacións introducidas no proxecto que se votou hoxe, mais afirmou que “os cambios puntuais non cambian o conxunto do Plan Xeral, que desde o BNG seguimos calificando como alonxado da situación actual da cidade”.

PXOM (2)
0.20169496536255