Lugomadera contará cunha aula móbil para formar os profesionais do sector forestal

A Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, Lugomadera, contará cunha aula móbil para achegar a formación aos profesionais do sector forestal. A presidenta da Deputación, Carmela López, entregou este venres á responsable da entidade, Mª Carmen Gayoso, unha furgoneta adaptada e equipada para desenvolver actividades formativas sobre o terreo, financiada pola institución provincial.
O vehículo dispón dunha aula portátil, ferramentas para demostracións e material audiovisual, cos que se ofrecerán contidos adaptados ás necesidades das empresas e dos traballadores. A programación incluirá formación en operacións forestais básicas, como apeo, desbroce e poda, ademais de cuestións normativas, ambientais e de prevención de riscos laborais.
A seguridade e a saúde no traballo terán un protagonismo especial, con sesións centradas no uso adecuado dos equipos de protección individual e na aplicación de técnicas de traballo seguro. A principal vantaxe deste modelo é que permitirá impartir os cursos directamente no monte, evitando os desprazamentos a centros especializados e facilitando a actualización de coñecementos nun territorio marcado pola dispersión xeográfica.
Durante a entrega, Carmela López destacou a importancia de reforzar a formación continua e a seguridade das persoas que traballan no monte. Segundo sinalou, esta iniciativa permitirá achegar os coñecementos aos lugares onde se desenvolve a actividade e contribuír á mellora da competitividade e das condicións laborais dun sector fundamental para a economía lucense.
A entrega da furgoneta enmarcouse na Asemblea Xeral Extraordinaria de 2026 de Lugomadera, celebrada no salón de actos da Deputación. O encontro rematou ás 13:00 horas cun acto de clausura no que participou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.
Rivera puxo en valor o peso da asociación, que agrupa máis de 270 empresas e representa case a metade do sector da madeira en Galicia. O deputado tamén incidiu na importancia desta actividade para o aproveitamento sustentable dos recursos do territorio, a creación de emprego e a fixación de poboación nos concellos da provincia.