Lugopoética 2026 reúne nun libro a creación de doce voces da poesía galega
A poesía galega ten unha nova publicación coa presentación de *Lugopoética 2026*, un libro que reúne as obras e reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, celebrado na sede da UNED en Lugo durante o primeiro semestre do ano. O salón de sesións da Casa do Concello acolleu o acto, no que se puxo en valor a creación literaria en galego e a difusión do talento de autores consolidados e novas voces.
A iniciativa está promovida por Egeria, Brandán Comunicación e a UNED de Lugo, coa coordinación do escritor e poeta Xosé Carlos Ulloa. O proxecto desenvolveuse en seis sesións entre febreiro e xuño, cada unha protagonizada por unha parella de autores, co obxectivo de dar visibilidade á tradición poética lucense e achegar a poesía á cidadanía.
Nesta edición participan Diana Varela Puñal, Chelo Gayoso Díaz, Alicia Fernández Díaz, Elena Pérez López, Xosé Lois García, Ramón Rodríguez Porto, Xacobe Sánchez Quintela, Xosé Antón Cascudo, Eduardo Carreira López, Ánxela Gracián, Ana Mar Fraga Rábade e Mari Luz Balsa Rábade. As persoas creadoras proceden de Chantada, Castroverde, Sarria, Lugo, Paradela, Guitiriz, Cospeito e Corme. Durante o acto, as persoas asistentes recibiron un exemplar da publicación.
A presentación contou coa participación da alcaldesa de Lugo, Elena Candia; o delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares; o presidente de Egeria, Xulio Xiz, e a directora do centro asociado da UNED en Lugo, Ana Traseira, ademais de varios dos autores incluídos no libro.
Candia ratificou o apoio municipal á iniciativa e salientou a importancia de contar con espazos que dean a coñecer o traballo das persoas creadoras e acheguen a literatura á sociedade. Pola súa banda, Villares destacou o obxectivo compartido de impulsar o talento galego e fomentar a produción literaria na lingua propia. A publicación conta co patrocinio do Concello de Lugo, a Xunta de Galicia e a UNED, e coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua.
O acto estivo acompañado pola música de frauta traveseira de Angélica Darriba Fernández, de 13 anos, integrante das Escolas Músico Crisanto e da Banda Sons e Soños, que xa participou en anteriores encontros de Lugopoética.