‘Lux Ignis’ gaña o Premio de Deseño Gráfico Arde Lucus 2026 na súa 25ª edición

LugoXa
O cartel número 74 impúxose entre preto de 80 propostas pola súa creatividade e fidelidade ás bases do certame
Selección-cartel-Arde-Lucus-2026
14 Apr 2026

O cartel número 74, titulado ‘Lux Ignis’, resultou gañador do Premio de Deseño Gráfico Arde Lucus 2026 na súa vixésimo quinta edición, tras un proceso de selección no que participaron preto de 80 traballos. A elección produciuse despois de máis de dúas horas de análise por parte do xurado, nas que se valoraron aspectos como o deseño, a composición gráfica, a creatividade e a orixinalidade das propostas.

Nunha primeira fase, o xurado realizou unha preselección de arredor de seis carteis, que posteriormente foron avaliados en detalle para comprobar o cumprimento dos criterios establecidos nas bases do concurso. Finalmente, ‘Lux Ignis’ acadou a maior puntuación ao cumprir cos requisitos obrigatorios e destacar pola súa proposta artística.

Segundo recollen as bases, o deseño incorpora elementos representativos tanto do mundo castrexo como do romano, emprega unha tipografía acorde coas datas da festa e inclúe a lenda Annvs Argentevs, en referencia ás vodas de prata do Arde Lucus. Ademais, utiliza as cores, logotipos e a referencia obrigatoria á declaración da festa como de Interese Turístico Internacional.

O xurado estivo composto por Patricia Cupeiro López, profesora de Historia da Arte na Facultade de Humanidades e especialista en Patrimonio Cultural e Turismo; o arquitecto e profesor da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, Pablo Ferreiro-Mazón; e o arqueólogo do Concello de Lugo, Enrique González. Todos eles destacaron a elevada participación nesta edición, aínda que tamén advertiron do incumprimento das bases en moitas das propostas, especialmente no relativo á obrigatoriedade de incorporar elementos propios das culturas romana e castrexa.

A deliberación prolongouse durante máis de dúas horas e media antes de elixir o cartel gañador, que recibirá un premio económico de 1.900 euros.

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, que estivo presente durante a deliberación sen voz nin voto, salientou a alta participación nesta convocatoria e subliñou que este feito evidencia a proxección internacional do certame. Segundo indicou, esta visibilidade será aínda maior nesta edición, coincidindo co 25 aniversario da festa.

Para o xurado, o cartel gañador presenta unha composición equilibrada na que imaxes, cores e elementos tipográficos se integran cunha estética coidada, reflectindo o espírito do Arde Lucus. A proposta pon o foco na recreación histórica e na volta da cidade ás súas orixes, combinando o mundo romano e o castrexo nunha creación artística de gran impacto visual.

0.1174750328064