Luz Darriba impulsa un novo espazo creativo e organiza unhas xornadas de poesía viva o 20 de decembro

A creadora multidisciplinar Luz Darriba pon en marcha en Lugo un novo espazo artístico, Arte e Parte, concibido para vivir a arte en todas as súas formas. O laboratorio nace coa vontade de “colectivizar a creatividade, experimentar xuntos e crear mundos máis amables ca os cotiáns”, abrindo as portas ás artes visuais, performativas, de acción e á literatura.
Para dar a coñecer este proxecto, organizaranse unhas xornadas de poesía viva os días 20 e 21 de decembro, nas que se combinarán obradoiros, lecturas compartidas, accións poéticas e espazos de encontro.
A programación comezará o sábado 20 ás 11.00 horas cunha benvida a cargo de Luz Darriba, acompañada de café, infusións e chocolate para recibir a todas as persoas participantes. A continuación, Eva Teixeiro impartirá o obradoiro A poesía non morde, rabuña. Un libro de mínimos, no que se afondará nas posibilidades expresivas do poema breve. Ao remate, abrirase unha quenda de preguntas e reflexións colectivas antes do xantar, que se organizará de acordo coas diferentes opcións das asistentes.
Pola tarde, Emma Pedreira conducirá Pintar co verso, un obradoiro de fanzine poético que explorará o diálogo entre palabra e imaxe. Despois dunha merenda compartida, o espazo transformarse nun micro aberto onde recitar, pensar en común, lanzar propostas e deixar fluir a improvisación poética até as 20.00 horas.
A segunda xornada terá lugar o domingo 21 e comezará ás 11.00 horas cun obradoiro de Beatriz Dourado titulado Destece o poema, tecer outros poemas, centrado en novas maneiras de construír e reinventar os textos poéticos. Ao mediodía iniciarase a primeira parte da preparación da performance colectiva Soprando poemas. A poesía está no ar, dirixida por Luz Darriba mediante a construción de tubos que se empregarán na intervención artística prevista.
Despois do xantar comunitario, ás 16.00 horas terá lugar o obradoiro de Rexina Vega, A literatura potencial ou por que complicar a escritura limitándoa porque si, unha proposta para experimentar coa creación a partir de restricións que activen novas formas de escribir. Ás 18.00 horas completarase a segunda parte da performance Soprando poemas, que se trasladará á rúa se o tempo o permite, convertendo a cidade nun escenario poético aberto.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a concelleira Ana González Abelleira, que xa visitaron o espazo, foron ata o taller desta artista multidisciplinar, recoñecida pola súa faceta de pintora e de macrointervencións culturais e reivindicativas, como o “Cumulum”, “Patchwork, Retales contra a violencia de xénero” ou “Luva negra, luva branca”, entre moitas outras, pero que tamén cultiva con éxito a escritura e a ilustración.