Máis de 1.500 persoas reclaman en Lugo o acceso á vivenda como un dereito

Máis de 1.500 persoas, segundo os convocantes, participaron este sábado na manifestación celebrada na Praza Maior de Lugo para reclamar o acceso a unha vivenda digna ante a crise habitacional e o aumento dos prezos dos alugueiros. Os asistentes corearon o lema "a vivenda é un dereito".
Durante a protesta reclamouse a recuperación dun plan municipal de vivenda que, segundo os participantes, contemplaba a mobilización de pisos baleiros, a creación dunha bolsa de alugueiro accesible e a ampliación da vivenda protexida. "Chegou Candia ao Goberno e gardouno nun caixón", criticaron.
A mobilización tamén cuestionou o voto do PP no Congreso contra medidas para protexer os inquilinos, ampliar os alugueiros e limitar a compra de vivendas por parte de fondos voitre. A protesta puxo o foco, ademais, no problema das vivendas baleiras en Galicia, unha cuestión que xa analizamos neste medio.
"Despois preguntaranse por que a xente sae á rúa", sinalaron os participantes, que pecharon a mobilización cunha mensaxe: "Coa vivenda non se especula. A vivenda deféndese".