Máis de 100 escolares do CEIP Anexa aprenden sobre o cambio climático da man da UNED de Lugo

LugoXa
A actividade, organizada con motivo do 24 de outubro, abordou as causas e consecuencias do quecemento global e a importancia de incorporar hábitos sostibles desde a infancia
UNED-Anexa-Lugo
23 Oct 2026

Máis de 100 alumnos de Educación Primaria do CEIP Anexa participaron nunha actividade de alfabetización climática organizada pola UNED de Lugo con motivo do Día Internacional da Loita contra o Cambio Climático, que se conmemora este 24 de outubro.

A proposta achegou aos escolares conceptos básicos relacionados coa emerxencia climática, como o quecemento global, as súas causas e os seus efectos sobre o planeta. A través de explicacións adaptadas á súa idade, o alumnado tamén puido coñecer a importancia de introducir prácticas sostibles na vida diaria para contribuír á protección do medio ambiente.

A iniciativa forma parte do traballo de divulgación científica e educación ambiental que desenvolven a UNED de Lugo e a Oficina Verde dos Centros Asociados da universidade, con sede na cidade, co obxectivo de concienciar as novas xeracións sobre os retos ambientais actuais.

A directora da UNED de Lugo, Ana Belén Traseira Pena, incidiu na necesidade de abordar o cambio climático desde as primeiras etapas educativas. Segundo sinalou, comprender este fenómeno é fundamental para formar unha cidadanía crítica, responsable e implicada na defensa do futuro do planeta.

A actividade intégrase no proxecto #LugoNaturalMente, co que a UNED de Lugo busca achegar o coñecemento universitario á sociedade e promover a educación ambiental e a participación da infancia na construción dun futuro máis sostible.

0.27264881134033