Máis de 150 persoas participaron na andaina saudable organizada polo Concello de Guntín

Máis de 150 persoas participaron na andaina organizada polo Concello de Guntín en colaboración co Centro de Saúde, unha actividade concibida para promover hábitos de vida saudables e fomentar o benestar a través do exercicio físico e do desfrute da contorna natural.
A marcha partiu das instalacións do Centro de Saúde de Guntín e levou aos participantes por diferentes puntos do municipio, entre eles Lousadela e Ferreira, pasando tamén pola Ponte Cabalar. O itinerario, cunha distancia aproximada de entre 6 e 7 quilómetros, permitiu aos asistentes camiñar en grupo, compartir experiencias e descubrir algúns dos espazos máis destacados da zona.
A actividade estivo aberta a persoas de todas as idades e reuniu a veciños e veciñas nunha xornada marcada pola convivencia e a participación. Ademais de fomentar a práctica deportiva, a iniciativa serviu para poñer en valor a importancia de manter un estilo de vida activo, especialmente no ámbito rural.
Desde a organización destacaron a elevada participación rexistrada, que superou as 150 persoas, consolidando esta proposta como unha ferramenta para promover a saúde, o benestar e o contacto coa natureza entre a poboación.