Máis de 2.000 persoas visitaron Burela

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
9 Aug 2019

Máis de 2.000 persoas pasaron pola Oficina de Turismo de Burela durante o pasado mes de xullo, das que o 66% visitaban a vila por primeira vez. Os datos deunos a coñecer hoxe o concelleiro Ramiro Fernández Rey, que fixo un balance positivo dos mesmos. O barco museo Reina del Carmen recibiu a visita de 857 persoas.

O concelleiro de Turismo explicou que “seguimos notando un incremento no número de consultas na Oficina de Turismo. Neste mes de xullo chegamos a máis de 2.000 persoas que fixeron consultas ou preguntaron por información nesta instalación. Destacar que un 66 por cento desas persoas que viñeron era a primeira vez que visitaban Burela, o que entendemos que é un dato moi positivo”.

Fernández Rey contou que “por comunidades Madrid é desde logo a máis destacada con 560 consultas e tamén destacan a xente da propia Galicia e de Castela-León. Hai tamén outras comunidades das que temos visitantes como País Vasco, Cataluña ou Extremadura. É dicir, temos moita xente de moitos sitios de España que nos visitan e tamén notamos un certo incremento nos visitantes estranxeiros pois tivemos a 70 persoas facendo consultas que eran de fóra de España”.

O edil burelés dixo: “en canto ao barco museo, seguimos mellorando os datos do ano pasado pois recibiu a 857 persoas neste mes de xullo. Esperamos que en agosto esta tendencia evidentemente se incremente, como pasou todos os anos”.

Ramiro Fernández fixo un balance positivo destes datos: “polo tanto é un balance positivo o que facemos e esperamos que esta tendencia siga así. Burela cada ano está tendo máis visitantes e isto redunda en todo o pobo, especialmente na hostalería e no comercio, e esperamos seguir traballando e apostando polo turismo como unha fonte de riqueza e que incluso sexa posible a creación de postos de traballo a través deste sector”.

O concelleiro de Turismo engadiu que “tamén puxemos en marcha tanto as rutas da lonxa como as xeolóxicas, que están funcionando de marabilla, cunha ocupación do cen por cen en todas esas rutas. Co cal entendemos que son actividades arredor do turismo que desenvolvemos no Concello de Burela que están sendo positivas e que están facendo que cada vez máis xente se acerque a Burela e goce das nosas praias, dos nosos paseos e tamén da nosa hostalería e gastronomía”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16288495063782