Escolares de Castroverde, Baleira e A Fonsagrada póñense en contaco co fanzine

LugoXa

A Vicepresidencia da Deputación, a través da área de Cultura, impulsa un ano máis o programa IlustrarNÓS, unha actividade coa que achegar a ilustración aos centros escolares de primaria e secundaria da provincia a través do fanzine, así como para fomentar a creatividade e achegar ás xeracións máis novas o traballo de creadoras e creadores galegos neste eido.

fanzine_deputacion
fanzine_deputacion
19 abr 2024

A Vicepresidencia da Deputación, a través da área de Cultura, impulsa un ano máis o programa IlustrarNÓS, unha actividade coa que achegar a ilustración aos centros escolares de primaria e secundaria da provincia a través do fanzine, así como para fomentar a creatividade e achegar ás xeracións máis novas o traballo de creadoras e creadores galegos neste eido. Esta semana o obradoiro realizouse co estudantado do CPI de Castroverde, o  CEIP Santa María, da Fonsagrada e o CEIP Concepción López Rey, de Baleira

A deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüistica, Iria Castro destacou o valor educativo deste programa que continúa percorrendo a provincia e achégase a máis de 200 alumnos de oito centros de ensino da provincia. “Trátase dunha actividade que tras varias edicións esperta gran interese no alumnado, polo que o noso obxectivo e que continúe medrando e que achegue os coñecementos artísticos da ilustración a través das súas diferentes perspectivas”, afirmou.

7H Corporativa Cultural foi a encargada de dar esta formación na que explicou ao alumnado o proceso de creación desta arte, desde a concepción da idea ata a súa concreción, abordando as posibilidades narrativas e plásticas que ofrece este xénero. Tras unha primeira toma de contacto co fanzine, os alumnos e as alumnas póñense na pel dos ilustradores e elaboran o seu propio traballo.

A vindeira semana será a quenda do alumnado do CEIP Virxe da Luz, de Portomarín e o CPI de Cervantes, será o 29 dea abril cando se peche este ciclo no CEIP de Albeiros, de Lugo. Anteriormente a Vicepresidencia achegou estes obradoiros ao CEIP Terra Chá, de Vilalba e o CPI Dr. López Suárez, de Friol.

Centros de ensino secundario e murais

O estudantado de secundaria tamén se formou a través de charlas a cargo da ilustradora lucense Rebeca Losada en catro centros educativos da provincia. Trátase do estudantado do IES Pedregal de Irimia, de Meira; o IES de Becerreá e, en Lugo, o IES Lucus Augusti e a Escola Superior de Arte e Deseño.

Na terceira edición do progama IlustrarNÓS tamén se inclúe a elaboración de murais homenaxe a Chichi Campos, ao que Galiza lle dedicou en 2024 o Día da Ilustración, e Castelao, referente da ilustración do país, en espazos educativos. Sandra Lodi, As Vacas Fracas e Cecilia Salinas elaborarán os 9 murais que se proxectan en centros repartidos polas diferentes comarcas da provincia.