Máis de 50 viaxes en dous meses do novo servizo taxi a demanda rural

LugoXa
O servizo piloto, que combina taxis con características de transporte público, xa suma máis de 50 desprazamentos e consolídase como unha alternativa para conectar as parroquias co centro de Lugo
Lugo-transporte-rural-demanda-taxi-2026-3
8 Apr 2026

Dous meses despois da posta en marcha do proxecto piloto de transporte rural a demanda impulsado pola área de Mobilidade do Concello de Lugo, o servizo comeza a consolidarse como unha alternativa real para conectar as parroquias co núcleo urbano. A iniciativa, que xa suma máis de 50 desprazamentos realizados, deixa un balance inicial que o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, cualifica de “positivo”, nun contexto marcado pola dispersión territorial do municipio e polas dificultades históricas para garantir unha mobilidade eficaz no rural.

O modelo, pioneiro na cidade, funciona cun sistema que combina características do transporte público tradicional co uso de taxis. A pesar de que o vehículo non é un autobús, o servizo conta con paradas fixas, horarios establecidos e itinerarios definidos. Ademais, o prezo mantense no mesmo nivel que o do transporte urbano, cun custo de 0,64 céntimos por traxecto, o que supón unha diferenza considerable respecto a un desprazamento convencional en taxi. As persoas interesadas deben solicitar o servizo chamando ao teléfono 982 213 377 antes das 22.00 horas do día anterior.

Para Arroxo, este sistema responde a unha necesidade evidente nun concello especialmente complexo desde o punto de vista territorial. “A valoración é moi positiva, tendo en conta que este servizo está nunha fase de probas, polo que serve para aprender e para intentar amplialo a outros lugares”, explica. Neste sentido, lembra que Lugo conta con 54 parroquias e máis de 300 lugares, unha realidade que dificulta a implantación de liñas de autobús convencionais. “É moi difícil poder levar o bus a todos os sitios, polo que este servizo a través dos vehículos do taxi era moi necesario”.

O funcionamento do servizo céntrase, nesta primeira fase, nos núcleos de Vilachá, Labio, O Pondelo e As Regas, con catro frecuencias diarias —dúas pola mañá e dúas pola tarde— que conectan estas zonas co centro da cidade, con chegada á zona de Sindicatos e ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Os horarios permiten unha certa flexibilidade para atender necesidades cotiás, especialmente no ámbito sanitario e administrativo.

A resposta da veciñanza está a ser, polo momento, moi favorable. Carmen, veciña de Pondelo e usuaria do servizo, non dubida en expresar o seu entusiasmo: “De ter que darlle dun 1 ao 10, eu doulle un 11, porque estou encantada de poder contar cun servizo de taxi que me leve a Lugo e co custo que supón, pero si que necesitariamos máis paradas en Lugo, por poñer unha pega”.

Nunha liña similar, outra usuaria, Carmen, de Vilachá, destaca a importancia de contar cun recurso que levaba tempo sendo demandado. “Era un servizo moi necesario, polo que poder contar con el é unha sorte e esperamos que continúe”, afirma. Con todo, tamén apunta a posibles melloras, especialmente no relativo ás paradas na cidade. “Para min, o que si que estaría ben é que o taxi parase no Sagrado Corazón, porque hai moita xente maior que baixa a Lugo para algunha consulta médica e que pare en Sindicatos fai que teñamos que baixar andando ata o ambulatorio”, engade.

Estas achegas forman parte do proceso de avaliación continua que o Concello está a levar a cabo durante esta fase piloto. O propio Arroxo recoñece a importancia de escoitar á cidadanía e incorporar as súas opinións na medida do posible. “Intentaremos ter en conta todas as opinións dos veciños e veciñas para poder dar o mellor servizo posible, aínda que non todas son factibles”, indica. Neste sentido, o responsable municipal pon en valor o diálogo directo coa veciñanza como ferramenta clave para mellorar o servizo e xestionar expectativas. “Eu creo que as reunións, como as que estivemos facendo tamén polo transporte público, son moi necesarias, porque recibimos a opinión da xente, polo que teñen un espazo no que poden opinar, e tamén serve para explicarlles por que non son posibles algunhas propostas que fan; falando, enténdese a xente”, sinala.

De cara ao futuro, o Concello contempla a posibilidade de ampliar progresivamente o servizo, e en función dos resultados desta primeira etapa. O proxecto conta cun orzamento inicial de 15.000 euros ata o mes de xuño, unha cifra que permitirá avaliar a súa viabilidade e definir os seguintes pasos. “A intención é que este sirva de proba e se poida ir ampliando dunha forma progresiva. Despois, xa empezaremos a traballar en sacar un contrato maior e que se expanda máis parroquias. Sendo un pouco responsables ao principio, xa que preferimos ir máis amodo e que vaia ben”, explica Arroxo.

Finalmente, o tenente de alcalde quixo recoñecer o papel fundamental do sector do taxi na posta en marcha desta iniciativa, destacando tanto a súa profesionalidade como a súa capacidade de adaptación. “Para eles tamén foi un reto, polo que debemos poñer en valor o Taxi de Lugo, porque desde logo está formado por un grupo de profesionais absolutos, e queremos poñer en valor a súa implicación neste proxecto”, conclúe.

Así, o transporte a demanda perfílase como unha ferramenta clave para avanzar cara a unha mobilidade máis inclusiva no rural lucense, nun camiño que, aínda en fase inicial, xa comeza a dar sinais de éxito.

0.12670803070068