Máis de 500 persoas participaron na Festa dos Maiores de Palas de Rei

Máis de 500 persoas participaron na Festa da Terceira Idade de Palas de Rei, unha xornada de convivencia que serviu tamén para que o alcalde, Pablo Taboada, anunciase a creación dunha segunda residencia para persoas maiores no municipio. O rexedor agarda que o novo centro residencial poida estar en funcionamento de cara a finais de 2027.
Esta nova infraestrutura permitirá ampliar a oferta de prazas residenciais para maiores en Palas de Rei, onde actualmente funciona unha residencia con 46 prazas que están todas ocupadas e que conta cunha ampla lista de agarda desde os seus comezos.
A actual Residencia de Maiores de Palas, situada na Avenida de Lugo, leva cinco anos en funcionamento. O Concello declarou no seu momento o proxecto como "Proxecto de Especial Interese", nunha iniciativa de carácter privado local que supuxo un investimento de 1.250.000 euros. Na actualidade, o centro xera arredor dunha trintena de postos de traballo directos no núcleo urbano de Palas de Rei.
O anuncio realizouse no marco da Festa da Terceira Idade, que reuniu a máis de 500 persoas no Pavillón dos Chacotes. Os actos comezaron cunha misa solemne no campo de fútbol, oficiada polos párrocos de Palas de Rei, e continuaron cun xantar de confraternización.
O menú incluíu empanada, polbo, carne ao caldeiro, sobremesa e café, nun encontro que contou tamén con amenización musical.
A celebración incluíu ademais un recoñecemento ás dúas persoas de maior idade presentes na festa. Carmen Buján Mosquera, de 100 anos, recibiu a distinción como muller máis lonxeva, mentres que Eutiquio Taboada, de 94 anos, foi recoñecido como o home de maior idade participante na xornada.