Máis de 60 lucenses fundan unha plataforma e convocan unha manifestación contra a planta de Coeses

LugoXa
O colectivo, que leva meses mobilizados en contra da instalación de planta de xestión de residuos orgánicos, reuniuse coa alcaldesa
manifestación_coeses
29 Ago 2024

Máis de sesenta veciñas e veciños, integrantes da plataforma ‘Lugo...non quere cheiros’, que levan meses mobilizados en contra da instalación de planta de xestión de residuos orgánicos e biometanización en Coeses, reuníronse coa alcaldesa. O encontro serviu tanto para presentar dita plataforma, como para que os seus integrantes informaran á alcaldesa dos pasos a seguir e coñeceran a postura do Goberno local que “segue a ser de total rexeitamento a dita planta”, tal e como o puxo de manifesto e como tamén constatou a edil de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira.

O Concello brindou o seu total apoio aos actos previstos por esta plataforma, entre eles, a manifestación en contra da instalación deste proxecto industrial, prevista para o vindeiro día 27 de setembro. Ademais, a reunión serviu para poñer ideas en común e para que a rexedora municipal trasladara ás e aos asistentes a intención do Goberno local de ser “especialmente rigoroso á hora da tramitación que lle compete, ao tempo que esixirá a Administración galega a mesma minuciosidade amosada con outros proxectos municipais, nos que ao igual que neste, o afectación medioambiental é moi importante”.

Neste sentido, explicou que “hai moitos argumentos para defendernos como Administración e como veciñas e veciños. Lugo está intentando posicionarse como unha cidade de turismo sostible, verde e ecolóxica, e iso ten que ser parte da nosa forza”. A construción desta planta non só afectará a un concello “que ten unha grande potencialidade en todo o seu medio rural, senón tamén ao patrimonio cultural do municipio, porque as obras se farán na contorna de protección de elementos catalogados como a Mámoa de Barracón e o Xacemento de Trigás”. Por iso, instou a que toda a cidadanía estea unida nesta reivindicación, “porque afectará a todas as veciñas e veciños, e non só aos das parroquias de Coeses, Cuíña, Piugos, Soñar ou Santa Comba”.

Tamén leron o manifesto da plataforma, no que se explican as principias razóns polas que opoñerse á construción da planta, tales como “emisión de gases contaminantes, prexudiciais para a saúde; afectación a espazos naturais protexidos; risco de afectar a acuíferos e pozos con vertidos de augas sucias; previsión de 53.000 toneladas ao ano de residuos cárnicos, de conserveiras e outras industrias, que serán transportados en camións polas estradas de Lugo e, sobre todo, os cheiros que afectarán a toda a cidade provocados pola descarga de 25 camións diarios de entrañas de animais, peixes e restos lácteos”.

A CHMS emitiu un informe desfavorable

Alvarellos Fondo trasladou aos representantes do citado colectivo que o Concello “non é competente en materia de augas, xa que a planta non verterá á rede de saneamento municipal, senón directamente ao medio, o que dá a responsabilidade á CHMS, como organismo competente neste eido, e que xa emitiu un informe desfavorable”. Asegurou que están a analizar e a emitir as súas conclusións en resposta ás solicitudes da Xunta con independencia das alegacións presentadas polos populare.

Alvarellos dixo “compartir as preocupacións das e dos veciños destas parroquias rurais, por un proxecto que danará irremediablemente unha zona a menos de 1,5 quilómetros do río Miño, que linda coa Reserva da Biosfera Terras do Miño”. Por último, a alcaldesa sinalou que “o Goberno galego debe esquecer que declarou este proxecto como Iniciativa Empresarial Prioritaria e analizar os efectos negativos para a zona pola emisión de cheiros e gases contaminantes, vertidos de augas residuais ao regato de Vilalbite con posterior desprazamento ao río Miño, e vertidos de cheiros á atmosfera”.

Esperan que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente do Goberno autonómico, que terá que dar o si definitivo a esta planta en materia medioambiental, “sexa igual de meticulosa e escrupulosa que o está a ser con outros proxectos. Do contrario, nin o Goberno local nin as e os lucenses entenderemos esta dobre vara de medir”.

 

Lugo-non-quere-cheiros
0.1841139793396