Máis dunha vintena de persoas participan nunha nova andaina polas parroquias de Becerreá

LugoXa
A ruta permitiu coñecer as casas señoriais de Corme e Horta, o patrimonio relixioso de Morcelle e Agüeira e o bosque dos Grobos
foto-roteiro-becerrea
21 Sep 2026

As andainas guiadas polas parroquias de Becerreá continúan achegando á veciñanza a historia e o patrimonio do municipio. A iniciativa está impulsada por Carlos Gegúndez, Guía Oficial de Galicia, e o Concello de Becerreá, en colaboración coa Asociación Os Grobos, e busca dar a coñecer a historia das diferentes parroquias ao tempo que promove a práctica de hábitos saudables.

Nesta ocasión participaron máis dunha vintena de persoas, que percorreron diferentes puntos da zona oriental do municipio. Durante o itinerario tiveron a oportunidade de visitar as casas señoriais de Corme e Horta, así como o antigo mesón desta última localidade, situado xunto á antiga estrada Nacional VI.

A ruta incluíu tamén unha visita ao patrimonio relixioso das parroquias de Morcelle e Agüeira, acompañada de explicacións sobre a historia das parroquias situadas nesta parte do concello.

O percorrido rematou no bosque dos Grobos, un dos principais referentes naturais de Becerreá. Alí, as persoas participantes puideron contemplar a paisaxe do afloramento kárstico, formado pola acción erosiva da auga sobre a rocha calcaria ao longo de milleiros de anos.

0.16618895530701