Maite Ferreiro anima a desfrutar do Arde Lucus na visita ao campamento de Cohors III Lucensium na praza Maior

LugoXa
O BNG destaca o papel das asociacións na festa e critica a xestión do Goberno municipal polo atraso na programación
visita-BNG-campamento-Cohors-Arde-lucus-26
18 Jun 2026

As e os concelleiros do BNG visitaron o campamento instalado na praza Maior pola asociación Cohors III Lucensium, nun percorrido guiado polo representante da entidade, Eduardo Fernández Abel.

Durante a visita, a concelleira Maite Ferreiro fixo un chamamento á veciñanza para gozar do Arde Lucus, que definiu como “unha das grandes festas de Lugo que este ano celebra o seu 25 aniversario”, e sinalou que “temos por diante catro días cheos de actividades a cargo de 19 asociacións que van trasladar as rúas da cidade a hai 2.000 anos”.

Ferreiro puxo en valor o “gran traballo” que realizan cada ano as 19 asociacións participantes, un labor que, segundo indicou, se desenvolve ao longo de todo o ano e que se intensifica nos días previos á celebración do evento. A concelleira destacou que durante estes días a cidadanía poderá gozar dun amplo programa de actividades impulsadas polas diferentes entidades implicadas na festa.

A edil do BNG tamén criticou a xestión do Goberno municipal en relación co Arde Lucus, asegurando que a súa actuación demostra “que ao PP non lle interesa a cultura”. Ferreiro lembrou que as entradas non estiveron dispoñibles ata unha semana antes do inicio da festa e que os programas chegaron tarde ás rúas, e engadiu que, mentres desde a oposición o PP reclamaba coidar e mellorar o evento, desde o goberno “maltrataron a celebración, atrasando cuestións tan básicas como a publicación do programa”.

0.13145089149475