Maite Ferreiro fixo a visita guiada á exposición 'Tecendo redes: migración, arte e Lugo'

LugoXa
A mostra propón un percorrido sensorial onde se mesturan imaxes, sons e memoria migrante
exposicion-guiada-tecendo-redes
26 Dec 2025

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou a exposición Tecendo redes: migración, arte e Lugo, unha mostra colectiva organizada pola Asociación Rioplatenses de Lugo que pode visitarse no Vello Cárcere ata o vindeiro 31 de decembro. Ferreiro, acompañada pola edil Iria Buide, participaron nunha visita guiada organizada para un dos grupos de integración da Cruz Vermella. A exposición, comisariada por Ana María Bereciartua, Daniel Vázquez e Encarna Lago, reúne dez proxectos artísticos procedentes de Venezuela, Cuba, Arxentina, México, Turquía e Rusia, entre outros países.

Durante a visita, Ferreiro destacou “a importancia de proxectos que converten a arte nun espazo de encontro no que se visibilizan as migracións e se constrúe comunidade desde o respecto e a creatividade”. Pola súa banda, Iria Buide salientou “a forza narrativa das obras, que transmiten emocións ligadas ás viaxes, ás perdas e ás novas oportunidades”.

A exposición propón un percorrido sensorial onde se mesturan imaxes, sons e memoria migrante, convidando ao público a escoitar, compartir e conectar coas múltiples identidades que conviven en Lugo. As creacións de artistas como Adiante (Faller da Ulloa), Pedro Cantero, Alisa Smirnova, Soila Jankowska, Juan Pablo Mastroianni, Hanoi Vidal, Evelin Ruiz Crego, Cris Bamio, Nicolás Ravelli Barreiro e Simón Rodríguez dan corpo a un relato colectivo sobre a diversidade e a pertenza.

⚙ Configurar cookies
0.081447124481201