Maite Ferreiro inaugura no Vello Cárcere a exposición que amosa a obra gráfica de Xan Leira

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, inaugurou hoxe no Centro Cultural do Vello Cárcere a exposición 807/36 memorias gravadas, unha escolma de obras de Xan Leira. A mostra evoca o número da causa por rebelión instruída contra os avós maternos do artista, pola súa resistencia ao levantamento franquista de 1936. Consta de 43 gravados dispostos en 28 pezas de aproximadamente 45x90 cm, un mural conformado por 9 pezas dunha dimensión total aproximada de 200 x 500, nunha instalación de 6 obras de 240 x 400 cm. A exposición poderá visitarse no Vello cárcere ata o vindeiro 15 de marzo.
Estes gravados poden ser entendidos como unha recreación contemporánea dos vellos, descoloridos e maltratados documentos que, por milleiros e arquivados en vetustos arquivos, foron instruídos polo franquismo contra o conxunto da cidadanía. O emprego de diferentes técnicas de estampación e recursos gráficos, sobre papeis tratados dun xeito moi persoal, converten esta mostra nunha escenificación contundente desta etapa histórica.
Xan Leira, o produtor e director de cinema, achéganos noutro formato estético e expresivo outra faciana creativa xurdida cando aprendeu xunta o seu pai os segredos das artes gráficas na imprenta familiar. A edil Maite Ferreiro convidou a toda a veciñanza "a desfrutar dunha mostra que segue a afondar na lembranza da represión, un dos principais obxectivos do Vello Cárcere".