Maite Ferreiro: “Intentamos, cos medios que temos, facer un San Froilán para todos e todas”

LugoXa
Maite Ferreiro, concelleira de Cultura do Concello de Lugo, pon en valor o traballo desde o Goberno local na conformación do programa das festas patronais, o San Froilán
Maite-Ferreiro-Concello-de-Lugo
1 Oct 2025

Jessica Fernández

Que destacaría da programación do San Froilán?

Isto é un inmenso traballo en equipo que consiste en buscar as programacións que poden adaptarse aos diferentes escenarios. Temos o escenario da Praza de Santa María, o da Porta do Seminario e o da Mosqueira; e logo temos un escenario exclusivo para as actividades infantís que é no aparcadoiro do Seminario. Comezando polo San Froilán Miúdo, promovemos unha programación específica onde intentamos traer actividades que poidan gozarse en familia, pensadas nos máis pequenos, pero tamén que poidan desfrutarse coas familias. Poden ser musicais, poden ser de circo, poden ser obradoiros, pensados especificamente para eles, pero tamén para o resto da veciñanza. Pola súa parte, en a Horta do Seminario pensamos en espectáculos que poidan acoller a unha gran cantidade de persoas, onde se programan os concertos máis grandes a diferentes horas; e que antes se lle dea protagonismo a grupos locais. E na Praza Santa María hai concertos máis próximos e contamos tamén con grupos locais. E pensando tamén nas persoas máis maiores temos as orquestras que son diante da Praza Maior e intentamos que non causen dano ao noso patrimonio, porque vemos que hoxe en día hai orquestras que contan con infraestruturas ou equipos técnicos moi grandes. Por iso intentamos tamén coidar e respectar o entorno. Ademais, outra das actividades pensadas son os pasarrúas, nos que se ten en conta a participación de grupos locais. Procuramos que haxa pasarrúas todos os días por distintos barrios da cidade, levando música tradicional a cada recuncho para que a veciñanza sinta un pouco a esencia do San Froilán. Tamén achegamos actividades aos barrios, como o Mago Móbil, que leva maxia a un público familiar en lugares como o Castiñeiro, a zona das Fontiñas ou Augas Férreas. Son propostas próximas e de balde, pensadas para que nenos, nenas e familias poidan gozar delas sen necesidade de desprazarse ao centro. Consideramos importante que todos os barrios da cidade teñan a oportunidade de participar nestas actividades específicas preto da súa casa. Ademais, este ano temos preparada unha sorpresa moi especial: un grupo de corais e persoas que formaron parte de Fuxan os Ventos, que interpretarán o día 4, antes do pregón, unha canción que tamén nos identifica a nós como lucenses, con letra do noso poeta da Terra Chá, Manuel María. Será un momento marabilloso.

Cal é o criterio para xestionar toda esta programación?

Os tempos cambian, a maneira de xestionar tamén mudou, e nós temos claro —e así o dixemos— que as festas do San Froilán son as festas do pobo, as festas populares. Hai outros momentos ao longo do ano nos que se poden organizar ou traer concertos de pago, pero estas festas teñen que contar con actuacións abertas a todo o público. Esta celebración naceu dunha feira tradicional e debemos seguir mantendo esa esencia. En canto á elección musical, temos que ser conscientes de dúas cuestións: por unha banda, o orzamento co que contamos, que procede unicamente do Concello, xa que só recibimos unha achega económica de 25.000 euros da Axencia de Turismo de Galicia e unha axuda importante da área de Cultura da Deputación, ademais do apoio de patrocinadores, empresas de Lugo ás que tamén lles estamos moi agradecidas pola súa colaboración. Por outra banda, debemos ter en conta que existen grupos que non actúan en actuacións abertas ao público. Por iso, intentamos programar actividades para todos os públicos: para a mocidade, para a xente de mediana idade, para as persoas maiores e para as familias, con música en distintos idiomas —en portugués, castelán, catalán, éuscaro e galego—. E temos que darlles prioridade e ademais consideramos que é unha obriga, porque se miramos o impacto económico que xera esta actividade cultural, comprobamos que está creando moitos postos de traballo na nosa cidade. Queremos que as persoas que se dedican á cultura e á música poidan traballar e vivir en Lugo, sen ter que marchar. Por iso mantemos o compromiso de apoiar aos músicos locais, que ademais son artistas boísimos. Intentamos, na miña opinión, cos medios que temos, facer un San Froilán para todos e todas.

Como se levan as críticas?

Esas críticas aceptámolas como ten que ser, con tranquilidade, porque todo o mundo ten dereito a opinar. Quen nos puxo aquí foron as veciñas e os veciños de Lugo, e no noso programa electoral deixamos moi claro como queriamos facer a actividade cultural na cidade e como queriamos organizar o San Froilán, e nese camiño seguimos sen apartarnos nin un ápice. Continuamos afirmando que son as festas da cidade e teñen que ser abertas a todo o mundo. Con todo, recibimos máis felicitacións ca críticas pola rúa. Tamén temos que ser conscientes de que moitas das persoas que, con todo o seu dereito, expresan críticas nas redes sociais, non consultan o programa das festas, porque estou convencida de que, se alguén con capacidade de análise revisa con detalle todo o que se ofrece ao longo das celebracións do San Froilán, decataríase —ou polo menos esa é a nosa intención— de que se trata dun programa variado e diverso, con música para todo tipo de públicos.

Como espera que sexa este San Froilán 2025?

Agardo que, se o tempo acompaña, as festas sexan coma nos últimos anos: dinámicas, animadas e participativas, e que a xente que veña a San Froilán saiba que vai atopar unhas celebracións tradicionais. Este ano, ademais, recuperamos a Nora, que levaba moitos anos sen celebrarse, o que nos obrigou a suprimir unha das casetas do polbo. Tamén houbo cambios nas casetas de Gastroarte. Intentamos que esas casetas, con produtos de calidade, artesanía e proximidade, teñan un lugar axeitado, como pode ser ao fondo da Praza Maior. Ademais, buscamos cubrir o espazo da rúa diante da Audiencia Provincial; antes estaba alí Gastroarte, e agora colocaremos outro tipo de actividades para que haxa diversidade, e que a xente, ao pasear, se encontre con distintas propostas, facendo deste un dos lugares máis visitados, e permitindo que as persoas que traballan alí poidan ter unhas festas proveitosas e que todos desfruten.

Que destacaría da pregoeira, Cristina Lombao?

Cando chegamos ao Goberno local, sempre tivemos claro que había que darlle oportunidade ás mulleres no pregón do San Froilán. Se botamos unha ollada á historia, vemos que durante anos foron os homes quen asumiron ese papel, pero nós decidimos que era o momento de abrir esa posibilidade a todas aquelas mulleres que quixeran ser pregoeiras. Creo que temos a obriga, como mulleres e como organización política que defende a igualdade, de ofrecerlles tamén esa voz. Cristina Lombao é unha muller que, ademais, é xornalista nun momento no que os medios de comunicación non están a pasar polos mellores tempos. É fundamental defender o dereito á información veraz e a liberdade das e dos profesionais para realizar o seu traballo sen presións políticas, sen ter que xogar coa súa vida para garantir un dereito tan básico para a cidadanía como é o de recibir unha información verdadeira. No mundo hai xornalistas que mesmo se xogan a vida e ás veces nin sequera poden informar, e por iso pensamos que tamén era o momento de darlle visibilidade a esta profesión.

E de Branca Villares, como oferente?

É unha muller que leva toda a súa vida vencellada á música tradicional, recollendo cantigas na montaña de Lugo, e que este ano dedicou o seu traballo ás cantareiras. Consideramos que é tamén unha maneira de poñer en valor o labor desas mulleres que, no seu día, se encargaron de recompilar esas pezas, esas letras, e transmitilas coidadosamente para que hoxe poidamos gozar delas. Branca é unha das persoas que mantén vivo ese legado, que as nosas avoas e nais recolleron e conservaron, e que agora chega ás novas xeracións grazas ao seu esforzo.

CONSULTA TODA A PROGRAMACIÓN DO SAN FROILÁN 2025

 

⚙ Configurar cookies
0.10149192810059