Maite Ferreiro participa no club de lectura do Vello Cárcere e anuncia o XXVII Certame de Narración Curta Ánxel Fole

LugoXa
O certame está aberto á participación de todas as persoas interesadas, sempre que as obras estean escritas en galego
Club-de-lectura-O-Vello-Cárcere-Lugo
15 Feb 2025

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, asistiu á sesión mensual do club de lectura que se desenvolve no Vello Cárcere.

Nesta ocasión, a xuntanza estivo centrada no libro As Despedidas, de Cecilia Santomé, quen tamén participou no encontro para compartir a súa experiencia coa obra.

Durante a súa intervención, Ferreiro salientou o compromiso do Concello co fomento da literatura en galego: "Desde a Tenencia de Alcaldía seguimos a traballar pola literatura na nosa lingua, tanto promovendo actividades como este club de lectura como apostando polos novos valores da creación literaria".

Convocatoria do XXVII Certame de Narración Curta Ánxel Fole

No marco deste compromiso, a concelleira anunciou a convocatoria do XXVII Certame de Narración Curta Ánxel Fole, un dos galardóns máis relevantes para a narrativa en galego. A obra gañadora recibirá un premio de 4.000 euros e será publicada por Edicións Xerais de Galicia. "Trátase dunha cita imprescindible tanto para as nosas escritoras como para a lingua galega", destacou Ferreiro.

O certame está aberto á participación de todas as persoas interesadas, sempre que as obras estean escritas en galego. Poderán presentarse tanto novelas curtas como conxuntos de relatos, cunha extensión mínima de 50 páxinas e máxima de 100, o que equivale a entre 90.000 e 180.000 caracteres con espazos.

Cada autora poderá presentar cantos textos desexe, sempre en envíos separados. As obras deberán remitirse por vía telemática ao correo electrónico cultura@lugo.gal. As bases completas estarán dispoñibles no BOP, e o prazo de presentación rematará 30 días despois da súa publicación.

0.17992997169495