Malestar polo deterioro da N-540 en Guntín

LugoXa
O vial presenta numerosas fochancas "de ata 25 centímetros de profundidade" ao seu paso polo casco urbano. A alcaldesa urxe solucións
15 Xan 2021

O Concello de Guntín critica o estado de "abandono total e absoluto" da estrada N-540 ao seu paso polo casco urbano da localidade, onde aseguran que hai numerosas fochancas "de ata 25 centímetros de profundidade".

A alcaldesa do municipio, María José Gómez, asegura que o Concello xa informou en varias ocasións ao Goberno central desta situación sen que polo de agora teña intervido na zona. "O único que se fixo foi bachear con grava miúda que se volve a levantar", explica. É por iso que urxe ao Goberno central a que se acometa o arranxo do vial, ante as molestias que o seu estado provoca tanto aos veciños de Guntín como aos demais usuarios da estrada estatal".

Como proba das consecuencias dese abandono da N-540, a rexedora sinala que ao pasar de xeito habitual vehículos pesados por este pavimento en mal estado xéranse vibracións que teñen ocasionado a aparición de gretas nunha vivenda que está situado nas marxes do vial.

María José Gómez indica tamén que o Executivo estatal vén de colocar na entrada e saída da localidade uns sinais que advirten de badéns "que non existen", xa que o que realmente se atopan os condutores son esas grandes fochancas.

En canto aos trámites feitos polo Concello de Guntín para esixir o arranxo, sinala que xa remitiron ata tres escritos a organismos estatais aos que lles compete e tan só obtiveron por resposta o investimento global efectuado polo Goberno nese vial, sen mención algunha aos problemas que afectan ao tramo guntinés.

María José Gómez reclama ao Ministerio de Transportes y Movilidad que poña fin a esta situación "denigrante" na principal vía do casco urbano e que execute un arranxo efectivo que poña fin ao problema das fochancas.

0.15628910064697