Mantense o paso do transporte escolar pola LU-P-1402 en Cervantes a pesar do derrumbamento

A Deputación de Lugo asegurará a circulación do transporte escolar ao seu paso pola estrada LU-P-1402, a vía provincial que conecta San Martiño da Ribeira con Vilaquinte por Quindous, no concello de Cervantes, despois dos importantes danos provocados polas intensas choivas rexistradas na zona. Os desperfectos localízanse á altura da parroquia da Vilaver, onde a situación da vía obrigou á institución provincial a adoptar medidas excepcionais de tráfico.
Ante este escenario, a Deputación decidiu restrinxir a circulación nesta estrada, permitindo unicamente o paso do bus escolar co obxectivo de evitar que o alumnado teña que realizar desprazamentos alternativos excesivamente longos. Para garantir o servizo, as familias deberán cruzar a pé un pequeno treito de varios metros na zona máis afectada e, a continuación, os nenos e nenas poderán subir ao transporte escolar con normalidade.
Desde primeira hora da xornada de mañá, a institución provincial desprazará operarios á zona para reforzar as condicións de seguridade e minimizar os riscos para a veciñanza. Segundo os informes técnicos realizados, a estrada non reúne actualmente as condicións necesarias para garantir unha circulación ordinaria, motivo polo que o resto de vehículos non poderá facer uso da LU-P-1402 mentres se manteña esta situación.
A circulación autorizada queda así limitada de forma exclusiva ao transporte escolar. Paralelamente, a Deputación estableceu itinerarios alternativos debidamente sinalizados e fai un chamamento tanto á veciñanza como ás persoas usuarias da vía para que extremen a precaución e respecten a sinalización provisional instalada.
En relación ás obras necesarias para a reparación e o acondicionamento da estrada, a Deputación de Lugo está a axilizar os trámites administrativos para que as intervencións poidan executarse canto antes. Os servizos técnicos xa están a avaliar as actuacións precisas co obxectivo de recuperar a normalidade na LU-P-1402 no menor prazo de tempo posible.

CRÍTICAS DO PP
Os deputados do Grupo Provincial Popular demandan a reparación inmediata da estrada provincial LU-P-1402, en Cervantes, cortada por desprendementos e o derrubamento do firme provocado polas intensas chuvas. Antonio Ameijide e Jesús Núñez, xunto ao voceiro do PP en Cervantes, Óscar Fernández, visitaron a zona afectada para constatar os danos.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, advertiu que a situación está a xerar graves problemas de comunicación para os veciños, obrigando mesmo aos escolares a percorrer a pé un tramo para acceder ao transporte escolar. Os populares solicitan unha solución inmediata que permita a circulación segura pola vía e evite o illamento da poboación.
Ameijide subliñou que o deterioro desta e doutras estradas provinciais non é un caso illado, senón consecuencia dun abandono sistemático da rede viaria provincial por parte dos gobernos do PSOE e BNG durante máis de dúas décadas. Lamentou que a dureza do inverno acentúe os danos nunhas infraestruturas xa deterioradas, e lembrou que hai 66 dos 67 concellos da provincia con estradas en condicións perigosas para a circulación diaria.
O portavoz popular esixe á Deputación de Lugo unha actuación inmediata para restaurar a seguridade na LU-P-1402 e noutras vías afectadas, advertindo que non se pode esperar a que se produzan accidentes antes de acometer os traballos necesarios. Ademais, o Grupo Provincial Popular reitera a urxencia de implantar un plan de conservación e mellora continua da rede viaria, dando prioridade aos concellos máis abandonados ou en situación de emerxencia, como Cervantes ou a ponte caída en Navia.