Manuel Carballeira gaña o XXVI Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo

LugoXa
O concurso reuniu a 33 artistas de Galicia, Asturias, León, Cataluña e Portugal, que plasmaron en lenzo diferentes recunchos da cidade ao longo da xornada
Certame-Pintura-Rapida-Concello-de-Lugo-26
13 Jul 2026

O pintor Manuel Carballeira Rivas proclamouse gañador da XXVI edición do Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo, unha cita xa consolidada dentro da programación cultural estival da cidade e que este domingo volveu converter as rúas e espazos monumentais nun escenario de creación artística.

Nesta edición participaron 33 artistas chegados de distintos puntos de Galicia, Asturias, León, Cataluña e Portugal. Entre os participantes había pintores procedentes de municipios galegos como Rianxo, Culleredo, Noia, Ordes, Ferrol, A Laracha, A Coruña, Lugo, Sanxenxo, Cambados, Vigo ou Amoeiro, ademais de Avilés, Oviedo, Xixón, León, Ponferrada, Cacabelos, Igualada e Lisboa.

Ao longo da xornada, os participantes percorreron distintos espazos da cidade para elaborar as súas obras, que foron entregadas ás 17.00 horas para seren valoradas polo xurado.

Desde o Goberno local destacaron que este certame contribúe a difundir a imaxe de Lugo a través da arte, ao tempo que pon en valor o patrimonio histórico, monumental e natural da cidade. Segundo sinalaron, cada unha das obras ofrece unha visión persoal da capital lucense e converte a pintura nun instrumento para promocionar o municipio.

Outro dos aspectos máis destacados desta edición foi a ampla representación xeracional dos participantes, con artistas de entre 25 e 74 anos, o que evidencia a capacidade desta iniciativa para reunir creadores de diferentes idades e traxectorias.

O xurado estivo integrado por Lara Esperante Ingelmo, artista plástica e membro da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración; Xabier Pico Franco, profesor da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo; e María Dolores Guerrero Lombardía, pintora e delegada en Lugo da Asociación Española de Pintores e Escultores. Na avaliación das obras tiveron en conta aspectos como a composición, a perspectiva, a creatividade, a técnica, o uso da cor e da luz e o impacto visual.

Xunto ao primeiro premio, dotado con 1.600 euros, tamén foron recoñecidos Abel Barandela Fernández, que obtivo o segundo premio, e José Ángel Rivas Sánchez, terceiro clasificado. Ademais, recibiron premios de 300 euros Óscar Herran Mínguez, Borja García Cuesta, Eduardo Pérez Baamonde, Daniel Izquierdo García e Josep Millar Chía, mentres que o galardón ao mellor artista local, dotado con 450 euros, foi para Roldán Lauzán Eiras.

Coa entrega dos premios concluíu unha nova edición dun certame que continúa consolidándose como unha das grandes citas culturais do verán lucense e que reúne cada ano artistas de diferentes territorios para interpretar Lugo a través da pintura ao aire libre.

0.10522508621216