Manuel López, presidente do CP Lucense: “O balonmán é un dos deportes máis completos e bonitos que hai”

LugoXa
Manuel López Penela, presidente do Club Polideportivo Lucense de Balonmán, pon en valor o deporte polos seus beneficios persoais, físicos e deportivos
CP-Lucense-balonmano-Lugo-portada
18 Oct 2026

Jessica Fernández

Como xurdiu a creación do Club Polideportivo Lucense?

O club naceu no ano 2016 a través da iniciativa duns ex xogadores de balonmán federados que decidimos comezar un novo proxecto deportivo na cidade. Así, partimos con 6 ou 7 nenos e ata o día de hoxe, no que contamos con arredor de 150. Nestes 10 anos tivemos unha evolución moi positiva e un crecemento brutal. Ademais, estamos moi orgullosos de dicir que os nenos que comezaron con nós na categoría Prebenxamín foron medrando e son o 90% dos que hoxe en día están xogando xa en categoría sénior, tanto masculina como feminina. É dicir, case todos seguen con nós, polo que algo estamos facendo ben.

Contan con deportistas de todas as idades?

Si, este ano ademais comezamos coa categoría Biberón e temos apuntada unha nena de 3 anos. Con respecto ao máis maior, ten 63 anos, que forma parte do equipo veterano. Para nós, o máis importante é a base, porque sen ela non hai futuro, pero tamén lle damos moita importancia aos equipos sénior, sobre todo este ano estamos enfocados no sénior feminino, xa que queremos intentar entrar na Final Four e ascender a Primeira División.

Podería dicirse que o balonmán é un deporte igualitario?

Nós tivemos unha época na que tiñamos moi poucas rapazas, pero agora, da categoría cadete a infantil temos un montón de nenas. Excepto en categoría xuvenil, que van xogar co equipo sénior, porque son catro ou cinco nenas. Pero de aí para abaixo si que notamos un aumento exponencial brutal do grupo de nenas. No grupo infantil temos 16 ou 17 nenas, que é unha barbaridade. Creceu moito máis o balonmán feminino nestes dous últimos anos que o masculino e iso é algo que indica que cada vez é máis igualitario.

Que ten o balonmán de diferencial con respecto a outros deportes?

Está mal que o diga eu, que levo xogando desde os seis anos, pero o balonmán é un deporte que engancha. Porque é un deporte moi plástico, moi atractivo para ver, moi bonito. Corres, saltas, pasas, marcas goles. Todo o mundo marca goles. Todo o mundo defende. E despois xógase nunha pista con 40 por 20. En Lugo temos a vantaxe de que se xoga a cuberto debido ao clima de aquí. Pero, sobre todo, a plasticidade que ten o deporte é impresionante. Calquera neno que o proba, segue. No balonmán tes que pensar, tes que pasar o balón, non lle pegas unha patada a calquera sitio. É un deporte moi completo, dos máis completos e bonitos de ver.

Que beneficios se obteñen practicando este deporte?

O balonmán é un deporte de equipo e dos máis completos, porque ti, para marcar un gol, precisas dos compañeiros. E para que non che marquen gol, tamén. Por iso, é un dos deportes nos que o equipo é diferencial para que vaia para arriba. Con respecto aos beneficios físicos, eu non son médico, pero chéganos familias con nenos aos que lles recomendaron balonmán ou natación para tratar os seus problemas de costas. Ao final, neste deporte moves todas as articulacións. Tes que correr, saltar, mover os brazos, xirar moi rápido… É un deporte moi explosivo e rápido. Por iso, debes ter unha moi boa preparación física e moita forza. É dicir, é moi completo, a verdade.

Cales son os éxitos dos que se sinten máis orgullosos?

Para nós o éxito máis grande é que os nenos que comezaron con nós con 6-7 anos sigan con nós. A nivel de títulos, para ser un club humilde como o noso, xa que a maior parte dos adestradores non cobramos, e somos completamente afeccionados; xa conseguimos tres títulos galegos. Entramos en dúas Final Four en infantil e cadete masculina, que iso para Lugo é un logro moi importante. Sendo o balonmán galego un dos máis potentes a nivel nacional, temos a sorte de que un xogador noso foi subcampión de España coa Selección Galega e están indo nenos nosos ás seleccións galegas. É dicir, que estamos realizando un bo traballo coa base. E así seguiremos, porque se non temos base, o de arriba non funciona.

Que ofrecen desde o club?

Adestramos na Casa do Deporte, na Avenida Infanta Elena, onde compartimos instalacións moitos clubs, polo que consideramos que en Lugo faría falta outro pavillón. Con todo, desde o cambio do goberno o pavillón está sendo obxecto de melloras que os clubs que usamos esas instalacións levabamos anos pedindo. Por outra banda, e coincidindo co parón das ligas de máxima categoría, tanto feminina como masculina (debido ao Mundial ou ao Europeo) traemos a dous dos mellores equipos de España a Lugo e facemos unha xornada de torneo na que traemos a nenos de toda Galicia e ao final acabamos cun partido da máxima categoría, tanto masculino como feminino. Entendemos que é unha forma de que os nenos poidan ver balonmán de alto nivel sen saír de Lugo. Así como tamén organizamos un campus de balonmán, traendo aos mellores xogadores e adestradores de España, como a Manolo Cadenas, que foi un dos seleccionadores españois, para fomentar a formación dos nosos rapaces. Tamén organizamos viaxes a distintos lugares cos nosos deportistas e familias para que poidan ver balonmán de primeiro nivel. Hai un mes foi a Supercopa Ibérica e a Supercopa de España feminina e fomos a Vigo a vela.

 

0.14354801177979