Manuel Martínez, alcalde de Becerreá: "A min de aquí non me bota ninguén, só os veciños"

GaliciaXa | LugoXa
O rexedor de Becerreá, á fronte da Alcaldía do municipio desde 2007, confirma que se presentará ás eleccións para levar a cabo proxectos cos que renovar os servizos públicos, mellorar as parroquias e transformar a capitalidade
Manuel-Martínez-alcalde-Becerreá
27 Sep 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.

Nos anos 1973 ou 1974 aínda vivía Franco, polo que era complicado implicarse politicamente e había que facelo practicamente na clandestinidade. Naqueles anos, o Partido Socialista estaba case rozando o anarquismo. Despois da morte de Franco, entre 1976 e 1977, fun destinado como profesor a Asturias, a Xixón. Alí coñecín un avogado da UGT que estaba na mesma división ca min. Tamén entrei en contacto con referentes socialistas de Lugo, sobre todo con Álvaro Moral, que moita xente xa non recordará, e con Sarille, dous históricos do Partido Socialista. Naquel momento en Lugo existían o Partido Socialista Obreiro Español e tamén o PSP, o partido de Tierno Galván. Foi entón cando entrei no partido e comecei a militar. Non había expectativas de cargos nin de soldos; simplemente loitabamos por unhas ideas e por cambiar unha sociedade que viña de 40 anos de réxime, acomodada e sen liberdade. A partir dese momento participei na creación e consolidación das estruturas do partido. Era un traballo duro e difícil porque eramos poucos e non había medios. Co apoio de persoas como Sarille fomos organizando agrupacións locais, agrupacións comarcais e outras estruturas. Eu comecei na agrupación local de Baralla e despois pasei á comarcal. No ano 1986 propuxéronme ir como número dous ao Congreso dos Deputados, detrás de Varela Flores. Foi a primeira vez que me presentei e conseguimos saír os dous elixidos. Estiven dúas lexislaturas no Congreso con pouco máis de 30 anos. Aquel era un Congreso no que coincidías con personalidades como Suárez, Felipe González, Guerra, Martín Toval e tamén figuras da dereita como Miguel Herrero de Miñón ou Miquel Roca. Era un luxo; non ten nada que ver coa praza de verdureiras na que, ao meu xuízo, se converteu hoxe o Congreso.

Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?

Son alcalde de Becerreá desde o ano 2007. Xa me presentara anteriormente, pero perdera as eleccións. Despois de deixar o Congreso en 1992 seguín vinculado ao partido, aínda que como militante de base. Pero uns compañeiros de Becerreá dixéronme que me presentase á Alcaldía porque consideraban que era moi difícil derrotar ao alcalde que gobernaba daquela, o que así foi. Así, estiven dúas ou tres lexislaturas na oposición ata que conseguín gañar as eleccións en 2007. Desde entón sigo á fronte do Concello. Se non se producise a ruptura co PSOE, as circunstancias serían distintas e probablemente hoxe estaría outra persoa. Pero debido a esa situación sigo aquí e vou continuar presentándome á Alcaldía. Fágoo por orgullo e por respecto á miña propia persoa e ás miñas ideas, como cabeza de lista de Galicia Sempre, formación coa que levo xa dúas lexislaturas. Eu creo que as cousas se fixeron ben en Becerreá e a cidadanía respondeu nas urnas. Na anterior lexislatura tivemos maioría absoluta e nesta segunda hai oposición, pero ás veces hai que asumir riscos. Eu seguirei traballando por Becerreá e polos seus veciños.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

Estás dispoñible as 24 horas do día e pendente do teléfono en todo momento, pero creo que iso forma parte do traballo que ten que facer un alcalde: estar preto da xente, axudar e tratar de resolver os problemas que van xurdindo ao longo do mandato no concello.

E beneficios?

Isto, unha vez que te metes, é como unha droga; é moi complicado marchar. Moitas veces pensas en deixalo, sobre todo cando hai problemas importantes ou cando te ves desbordado, pero ao final dormes e ao día seguinte volves empezar. Creo que as satisfaccións son moitas máis ca as decepcións. Eu estou contento de ter dado este paso e de dedicarme á política. Tanto na miña etapa no Congreso como agora no día a día do Concello, sempre procurei mellorar a vida da xente, ás veces con cuestións pequenas, pero tratando de solucionar os seus problemas e atender as súas necesidades.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Cando empecei era moi novo e non tiña ataduras de ningún tipo. Co paso do tempo, as persoas coas que te relacionas xa saben que esas obrigas existen e que a política require moita dedicación. Ás veces iso pode crear algún problema, pero sempre houbo entendemento. A pesar de que tamén houbo momentos complicados, eu creo que tiven unha vida tanto política como persoal satisfactoria. Estou contento de telo feito e seguir aquí. A min de aquí non me bota ninguén, só os veciños.

E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?

Un dos obxectivos que nos marcamos ao inicio desta lexislatura é transformar Becerreá e definir con claridade as distintas áreas de influencia dos servizos, concentrándoos en zonas concretas para mellorar a accesibilidade e facilitar que a veciñanza poida utilizalos. A nosa intención é crear unha nova praza e un novo Concello, moderno, accesible e con mellores servizos. O edificio actual presenta moitas deficiencias. Nun primeiro momento plantexouse construír a nova casa consistorial nun solar e habilitar tamén unha nova praza. Foi un tema que xerou debate durante as eleccións e que mesmo nos custou votos. Co novo PAC tamén mellorará a accesibilidade aos servizos sanitarios da comarca. Ademais, a residencia permitirá situar os servizos sociais ao seu carón. A zona educativa tamén está definida, aínda que seguimos traballando para reorganizar e concretar os distintos servizos en espazos específicos que contribúan a marcar o futuro de Becerreá nas próximas décadas. Creo que imos conseguilo porque temos practicamente todo en marcha, agás o proxecto da praza, que é especialmente complexo. Pola orografía de Becerreá, non é doado deseñar un espazo que sexa accesible e que, ao mesmo tempo, funcione como punto de encontro para os veciños. Estamos traballando niso en contacto coa Fundación RIA e con distintos profesionais, e confío en que finalmente logremos un proxecto que conte coa aprobación e o respaldo da veciñanza.

Cales son as principais liñas do seu programa?

Nós temos un programa de continuidade porque en catro anos é imposible levar adiante todos estes proxectos. É un traballo que vén de atrás, de moitos anos de xestión e negociación para sacar adiante iniciativas como o novo PAC ou o novo Concello. Unha vez definidas esas áreas de servizos, o noso obxectivo é seguir mellorando a calidade de vida da veciñanza, especialmente nas aldeas. Queremos manter os servizos básicos, garantir boas comunicacións, contar con estradas en boas condicións e aglomeradas, mellorar o alumeado público, as traídas de auga e asegurar o abastecemento, que é unha cuestión fundamental. En definitiva, trátase de mellorar a calidade de vida de todas as persoas, e especialmente das que non viven na capitalidade municipal. Na actualidade superamos os 3.000 habitantes, en boa medida grazas á inmigración. Son persoas que están plenamente asentadas, teñen os seus negocios e forman parte da vida diaria de Becerreá. Temos arredor de 27 nacionalidades distintas, polo que aproximadamente o 20 % da poboación é de orixe estranxeira, o que converte a Becerreá nun concello cada vez máis diverso e aberto.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

Estamos traballando para crear unha Casa da Xuventude na propia capitalidade, un proxecto que consideramos importante xunto coa nova praza e coa posta en marcha da residencia, que é un dos grandes obxectivos para a comarca dos Ancares. A nosa intención é que os mozos dispoñan dun espazo propio, pensado para persoas de ata 25 anos. Tamén nos gustaría transformar a travesía de Becerreá, aínda que para iso necesitamos a colaboración do Ministerio de Fomento. É un asunto máis complexo, pero consideramos que existe unha débeda histórica con Becerreá. No seu día construíuse un falso túnel que, na práctica, dividiu a vila en dúas. O que queremos é converter esa zona nun paseo atractivo e seguro, onde a xente poida camiñar sen perigo e acceder con facilidade aos distintos servizos. Xa contamos cun pequeno proxecto, aínda que somos conscientes das dificultades económicas e administrativas que pode haber. En todo caso, seguiremos insistindo. Por outra banda, desde a Deputación sentimos un esquecemento absoluto. Levamos case dez anos sen recibir nin un euro extraordinario nin convenios deste tipo. Becerreá recibiu unicamente o que lle correspondía por lei. Pola súa parte, a Xunta colaborou algo máis, aínda que segue pendente unha demanda histórica como é a finalización da estrada Becerreá-Sarria, que só está executada parcialmente. Outro dos retos importantes ten que ver co envellecemento da poboación e coa dispersión territorial. Queremos mellorar os servizos sociais para que os veciños das aldeas dispoñan das mesmas prestacións e oportunidades que os que viven na capitalidade. Ademais, gustaríanos poder contar no futuro cunha piscina climatizada.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

Un dos principais obxectivos foi transformar os edificios públicos de Becerreá. Tanto o Concello como o centro médico ou o colexio eran instalacións antigas, mal construídas, sen eficiencia enerxética nin accesibilidade e cun custo de mantemento moi elevado. O que buscamos é redefinir estes espazos e conseguir que se renoven por completo, con edificacións adaptadas ás necesidades actuais, que superen todas esas carencias e ofrezan mellores condicións para a cidadanía. Creo que ese era un dos retos fundamentais, porque permitirá contar con infraestruturas modernas e funcionais que dean servizo durante décadas.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Eu sempre quero que os veciños opinen primeiro. Podo equivocarme, pero as decisións que tomo fágoas asumindo as consecuencias. Cando chegamos ao goberno en 2007 atopámonos cunha débeda de millón e medio de euros e hoxe o Concello conta cun remanente de arredor de tres millóns e medio. Porén, ese remanente está condicionado por unha norma estatal que impide gastar máis do que se gastou no exercicio anterior. O problema é que os custos aumentaron de forma moi importante. Os salarios incrementáronse arredor dun 30 % e os materiais necesarios para executar obras chegaron a subir preto dun 50 %. Ao mesmo tempo, o Concello está obrigado a manter os servizos, pagar as nóminas cada mes e aboar ás empresas en tempo e forma. Todo iso está condicionado por unha normativa que, ao meu xuízo, debería aplicarse aos concellos con mala xestión económica, pero non aos que teñen as contas saneadas. Tal e como está formulada, impide en ocasións mellorar servizos ou afrontar actuacións puntuais necesarias, mesmo dispoñendo de recursos propios. Por iso considero que o Goberno debería revisar esa regulación.

Como é a súa relación coa oposición?

Hai tensión ao principio da lexislatura, pero eu creo que teño que agradecer á oposición de Becerreá, aos dous partidos que están representados no Concello, a súa colaboración. Non practican unha oposición frontal que impida a acción do goberno; ao contrario, cando poden colaborar, fano, e iso é algo que eu agradezo.

 

MÁIS DE PRETO

-Idade, estado civil e familiar

72, casado e 1 fillo e un neto

-Profesión e formación

Son mestre e estiven na inspección educativa

-E se non o fose, que lle gustaría ser?

Veterinario

-Que quería ser de maior

Eu quería vivir ben e non ter problemas e incluso valorei quedar co negocio familiar

-Que fai para desconectar?

Vou no inverno de caza e cando estou moi agoniado durmo

-Unha virtude e un defecto

Son ríxido e de ideas fixas e honrado

-Un consello para compartir

Nestes momentos difíciles porque o covid marcou a xente e agora somos mais individualistas e deberíamos tirar todos xuntos porque así é mais fácil de conseguir

-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante

‘El diablo cojuelo’ de Luis Vélez de Guevara, ‘Casablanca’, Víctor Jara

-Unha afección

A caza e escoitar música

-Un lugar que visitar

Os Grobos en Becerreá

-Unha comida e unha bebida

Cocido, marisco, troitas; viño e cava

-Unha personaxe admirada (viva ou morta)

Felipe González

-Unha posesión preciada

A miña casa

-Un desexo

Arranxar a casa dos meus pais

-Algo para esquecer

As cousas ocorren e non se poden cambiar, asúmelas e as súas consecuencias; tiven unha vida agradable e plena e desfrutei dela e non trato de esquecer nada aínda que houbo ratos malos, pero tampouco miro para atrás

-Que é o que máis valora nunha persoa?

A honradez e a claridade, que veña de fronte

-Un desafío pendente.

Non teño desafíos, estou satisfeito co que fixen e como vivín

-Onde se ve en cinco anos?

Tratando de estar xubilado en todos os aspectos pasando a lexislatura que son 4 anos e desfrutar da familia e dos amigos

0.15262699127197