Mar Caldas retrata as gandeiras lucenses na exposición 'Facedoras de Lugo'

LugoXa
A mostra, inaugurada no Museo Provincial, reúne dez retratos de mulleres vinculadas á gandería e poderá visitarse ata o 18 de maio
Museo-exposición-Facedoras-de-Lugo
6 Mar 2026

O Refectorio do Museo Provincial de Lugo acolle desde esta tarde a exposición 'Facedoras de Lugo', un proxecto da fotógrafa e artista visual viguesa Mar Caldas que pon o foco nas mulleres que traballan no ámbito gandeiro da provincia. A mostra poderá visitarse ata o 18 de maio.

A exposición reúne unha decena de retratos de gran formato realizados pola autora, considerada unha das referentes da arte feminista en Galicia. As protagonistas son mulleres dedicadas a tarefas relacionadas cos animais, principalmente na gandería, aínda que tamén aparecen profesionais da apicultura e da veterinaria.

O proxecto nace do traballo de campo desenvolvido por Mar Caldas en diferentes concellos da provincia de Lugo, entre eles A Pontenova, Guitiriz, Friol, Guntín, Castroverde, Outeiro de Rei, Castro de Rei, O Páramo, Taboada, Monterroso, Becerreá e Ribeira de Piquín. Nestas localizacións, a artista documentou explotacións de distintos tamaños que, en moitos casos, apostan pola produción ecolóxica ou pola cría de razas autóctonas.

As fotografías amosan tamén a diversidade de perfís das mulleres retratadas, cuxas traxectorias van desde a transmisión familiar de coñecementos ata a formación académica. O proxecto recolle así a incorporación de novas xeracións ao medio rural e o vínculo que estas profesionais manteñen co territorio e cos animais.

A través destas imaxes, as protagonistas dan a coñecer o seu labor nun sector clave para a economía, ao tempo que trasladan as dificultades ás que se enfrontan, como a falta de apoio institucional ou os obstáculos administrativos que condicionan o seu día a día.

“Facedoras de Lugo” inscríbese nunha liña de traballo que Mar Caldas desenvolve desde hai máis dunha década coa intención de visibilizar a contribución das mulleres ás súas comunidades desde unha perspectiva de xénero e de clase.

Durante a inauguración, o deputado Daniel García salientou que “neste proxecto artístico recoñécese a realidade física, emocional e cultural das comarcas de Lugo, xa que a gandería e a agricultura son sectores estratéxicos desde o punto de vista económico e forman parte das nosas historias vitais ou familiares”.

“Moitas mulleres poderán recoñecerse nas dez retratadas aquí, ou recoñecer nelas ás súas nais e avoas. A terra e o gando están na árbore xenealóxica da grande maioría das persoas deste país, cuxa identidade se forxou no rural”, afirmou, ao tempo que valorou o traballo de Mar Caldas como unha ferramenta para “reivindicar estas actividades que as mudanzas económicas e sociais das últimas décadas apartaron dos primeiros planos”.

0.11962008476257