Marc Martínez e Gabriel Costa comparten unha xornada co alumnado do IES Muralla Romana

Os xogadores do primeiro equipo do Club Deportivo Lugo Marc Martínez e Gabriel Costa participaron nun encontro co alumnado do IES Muralla Romana, en Lugo, nunha xornada incluída dentro do proxecto social “CD Lugo na Escola”. Esta iniciativa desenvólvese de maneira conxunta coa área de Deportes da Deputación de Lugo e percorre diferentes centros educativos da cidade e do conxunto da provincia.
Durante a visita, ambos futbolistas mantiveron unha charla próxima co alumnado, na que responderon a numerosas preguntas e compartiron experiencias persoais, anécdotas e vivencias relacionadas coa súa traxectoria deportiva e co día a día no fútbol profesional. O encontro permitiu que rapaces e rapazas de distintas idades coñecesen máis de preto aos xogadores albivermellos e o funcionamento dun equipo de elite.
Unha vez rematada a conversa, chegou o momento das sinaturas de autógrafos e do reparto de tarxetas personalizadas, así como de vales de invitación para o partido que o conxunto lucense disputará este sábado fronte ao Real Madrid Castilla no Estadio Anxo Carro ás 18:30 horas. Grazas a esta iniciativa, o alumnado poderá asistir ao encontro de maneira totalmente gratuíta e incluso acudir cun acompañante por só 5 euros.
O duelo será clave para o conxunto albivermello, que busca manterse nos postos de playoff, polo que o apoio da bancada será fundamental. Neste sentido, desde o club destacan a importancia da presenza dos estudantes do IES Muralla Romana para animar ao equipo nun partido de especial relevancia.
A xornada concluíu cun momento especialmente divertido para os estudantes, xa que Marc Martínez e Gabriel Costa tamén tiveron tempo para disputar unha pequena pachanga con algúns dos alumnos e alumnas, que puideron compartir balón cos xogadores do primeiro equipo.
Desde o Club Deportivo Lugo agradeceron ao IES Muralla Romana a boa acollida e a amabilidade mostrada durante a visita, nunha nova actividade do programa “CD Lugo na Escola”, que continúa reforzando a relación entre o club, a mocidade e os centros educativos da provincia.