María José Gómez reivindica en Lugo a importancia da investigación para a rendibilidade das explotacións

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou a importancia da investigación e da innovación para favorecer a rendibilidade das explotacións agrogandeiras na inauguración da xornada Agrovalor2026, impulsada pola Universidade de Santiago de Compostela e celebrada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo.
Neste sentido, a conselleira destacou que a investigación, tanto pública como privada, ten un papel fundamental na mellora dos procesos produtivos no sector agroalimentario, un eido que representa o 6,4 do PIB galego. Por iso, sinalou que é necesario que se achegue ese coñecemento á realidade das explotacións e das empresas, detectando necesidades concretas e buscando solucións que poidan chegar ao mercado.
A edición deste ano está centrada na valorización dos residuos e o desenvolvemento territorial para unha agricultura circular. A conselleira indicou que, cando se fala de residuos, estase a falar dun recurso sen aproveitar e o cal pode permitir recuperar nutrientes, producir fertilizantes, achegar materia orgánica ao solo ou buscar outros aproveitamentos.
Gómez fixo fincapé na relevancia de que, para aproveitar mellor os recursos, se precisa coñecemento, investigación e, sobre todo, colaboración entre universidade, centros de investigación, empresas, sector alimentario e Administración. Seguindo esta liña, a conselleira reafirmou o compromiso do Goberno galego de apostar pola investigación e pola innovación, así como pola incorporación de xente moza ao agro, pola modernización das explotacións e pola mellora da súa competitividade.
A conselleira lembrou tamén o momento importante no que nos atopamos, no que se está a definir a futura Política Agraria Común a partir de 2028. Reafirmou que o Executivo autonómico defenderá que esa nova PAC estea ben dotada, teña en conta a realidade do sector en Galicia e que contemple o noso sistema territorial, baseado no minifundio.
Cómpre sinalar que a semana pasada a conselleira trasladou ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco da Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, a súa preocupación ante a perda de orzamento da nova PAC a partir de 2028, de polo menos un 20 % en comparación co actual período. Instou ao Ministerio a seguir defendo unha PAC forte e ben dotada, que goce polo menos co mesmo orzamento que na actualidade; co obxectivo de que sexa unha ferramenta eficaz para a estabilidade e o desenvolvemento do sector primario, adaptada ao contexto agrario, climático e produtivo de cada Estado membro, en liña coa posición común asinada no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios de setembro de 2025.